A ALCALDESA, MARTA ROUCO, RECIBE Á PRESIDENTA DA DEPUTACIÓN DE LUGO NA SÚA PRIMEIRA VISITA INSTITUCIONAL A VILALBA

A rexedora destacou a importancia da colaboración institucional para seguir impulsando investimentos que melloren os espazos públicos e os servizos na capital chairega

A alcaldesa de Concello de Vilalba, Marta Rouco, recibiu hoxe na Casa do Concello á presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, nunha visita institucional á vila na que tamén participaron os concelleiros e concelleiras do goberno local.

A xornada comezou coa recepción institucional na Casa do Concello, onde a presidenta da Deputación asinou no Libro de Honor do Concello, deixando constancia da súa primeira visita oficial á capital chairega.

Durante a visita, a alcaldesa, Marta Rouco, presentou xunto á presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e aos concelleiros Luis Fernández, Eduardo Vidal, Ignacio Criado e Paula Vigo, o proxecto de humanización e creación dun novo parque infantil no campo da feira, unha actuación que permitirá transformar esta zona nun novo espazo de lecer máis accesible, seguro e pensado para as familias.

O proxecto, que se financiará a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2026, contará cun investimento próximo aos 180.000 euros e permitirá completar a transformación deste espazo, no que hai pouco máis dun ano se puxo en marcha unha pista multideporte.

Posteriormente, realizaron un percorrido por diferentes actuacións levadas a cabo no municipio co apoio da institución provincial nos últimos meses.

Entre elas, visitaron a renovación do parque Rosalía de Castro, a mellora da rúa Benxamín Paz e a recentemente renovada rúa do Rego, así como o grupo As Fontiñas. Tamén coñeceron os novos espazos culturais e educativos da biblioteca municipal, como a aula Agustín Fernández Paz e a nova sala de estudo, na que a Deputación colaborará co financiamento do mobiliario.

A visita completouse coa comprobación das actuacións realizadas na estrada LU-P-6513, unha vía provincial que conecta o casco urbano de Vilalba co acceso á Autovía A-8, mellorando así as comunicacións do municipio.

A alcaldesa Marta Rouco destacou que “esta visita permítenos poñer en valor o traballo que estamos a desenvolver desde o Concello para seguir mellorando Vilalba e os seus espazos públicos”. Neste sentido, agradeceu a colaboración da Deputación de Lugo, “que está a permitir que poidamos levar adiante proxectos importantes para a nosa vila”.

Rouco subliñou tamén que “a cooperación entre administracións é fundamental para que os concellos poidamos responder ás necesidades da veciñanza e seguir avanzando na modernización das nosas infraestruturas e servizos”. Finalmente, destacou que “o obxectivo do goberno municipal é continuar traballando para facer de Vilalba unha vila cada día máis accesible, máis agradable e con mellores oportunidades para vivir”.