A ALCALDESA, MARTA ROUCO, VISITA DE NOVO O HOSPITAL ASILO PARA FELICITAR A CONSUELO RODRÍGUEZ E NICASIA CRIADO

Consuelo cumpriu 102 anos fai uns días e Nicasia 104, converténdose na persoa máis lonxeva do municipio

Esta semana a alcaldesa, Marta Rouco, pasou de novo polo Hospital Asilo para facer unha nova visita a dúas centenarias que recentemente celebraron o seu aniversario: Consuelo Rodríguez, de 102 anos e Nicasia Criado, de 104.

Consuelo, que xa celebrou o seu aniversario co persoal do Hospital Asilo, recibiu nesta ocasión a visita da rexedora vilalbesa acompañada do concelleiro de Participación Colectiva, Ignacio Criado. Ámbolos dous representantes da corporación municipal intercambiaron unha agradábel conversa con Consuelo, que ademais foi agasallada cun ramo de flores.

Do mesmo xeito, tamén Nicasia Criado recibiu o correspondente agasallo floral por parte da alcaldesa, Marta Rouco, para felicitala polo seu 104 aniversario, que acaba de convertela na persoa máis lonxeva do noso concello. Ao tempo que recibía a visita de Marta Rouco e Ignacio Criado, Nicasia celebraba rodeada dos seus unha cifra que non todo o mundo ten o pracer e a afouteza para acadar.

“É moi sorprendente o bo estado de saúde no que se atopan e ilusióname moito poder manter unha conversa con elas, coñecelas e que me conten un pouquiño da súa historia de vida”, sinalou a rexedora, Marta Rouco, ao tempo que confesou que “durante un tempo rematan as miñas visitas para felicitacións ao Hospital Asilo, xa que a meirande parte de centenarios condensábanse nos pasados meses de marzo e abril”.

Non obstante, as visitas e os agasallos para os centenarios seguirán presentes na axenda da alcaldesa nos vindeiros días, coincidindo na semana que vén a celebración do 100 aniversario de dúas mulleres vilalbesas.