A ALCALDESA PARTICIPA NA PRESENTACIÓN DE XOGAL, UNHA INICIATIVA PARA DESCUBRIR O PATRIMONIO GALEGO A TRAVÉS DE ESCAPE ROOMS AO AIRE LIBRE

O programa percorrerá dez concellos galegos cunha proposta gratuíta que une cultura, lecer e innovación; en Vilalba celebrarase o xoves 28 de agosto

A alcaldesa, Marta Rouco, participou esta mañá na presentación de XOGAL, un innovador programa que permitirá descubrir o patrimonio, a historia e a identidade de dez concellos galegos a través de experiencias de escape room ao aire libre.

A iniciativa, que se desenvolverá de maneira gratuíta en diferentes vilas, nace da colaboración entre os Grupos de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, Terras de Miranda, Terra Chá e Seitura 22, en alianza coa empresa especializada Skeirrum. O obxectivo é achegar o rural e o seu legado á veciñanza e ás persoas visitantes dunha forma dinámica, divertida e participativa.

Durante o acto, a alcaldesa Marta Rouco destacou a importancia de formar parte deste proxecto colectivo, “Xogal é unha proposta diferente que combina cultura, lecer e innovación, e que pon en valor o noso patrimonio dende unha perspectiva atractiva para todos os públicos.”

“Para Vilalba é un orgullo estar presente neste proxecto compartido con outros concellos, que reforza a nosa aposta por ofrecer actividades que conectan á cidadanía co territorio e coas súas raíces”, engadiu Rouco.

O programa levarase a cabo nos vindeiros días en distintos concellos galegos, cun calendario que permitirá achegar a veciños, veciñas e visitantes ás historias mellor gardadas das vilas participantes. No caso de Vilalba, a experiencia celebrarase o xoves 28 de agosto, ás 17:00 horas, cunha actividade aberta a toda a cidadanía.