A ALCALDESA PÍDELLE Á XUNTA QUE “MANTEÑA A ESTACIÓN DE AUTOBUSES EN CONDICIÓNS DE USO” E ADVIRTE “DE QUE ESTÁ SEN LUZ, CO PERIGO QUE SUPÓN PARA OS VECIÑOS”

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, remitiulle hoxe unha carta ao director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio Maestro, na que lle informa de que a estación de autobuses está sen luz e do perigo desta situación, polo que lle reclama que as instalacións teñan “unhas condicións normais de uso”.

A alcaldesa concreta na misiva que “nos últimos días recibimos frecuentes queixas dos veciños pola dificultade de acceder e camiñar pola zona de parada dos autobuses, xa que está completamente a escuras, co perigo que elo entraña para calquera veciño ou veciña do noso concello que deba agardar un autobús a partir das 18 horas”.

“Sobre todo as fines de semana, durante o curso escolar, o volume de viaxeiros aumenta e cómpre que podan agardar e acceder nunhas mínimas condicións”, engade.

Rouco é coñecedora de que a Xunta de Galicia comunicoulle ao Concello de Vilalba o pasado 1 de agosto “a decisión de proceder ao peche das instalacións por unha serie de consideracións de localización e uso”.

“Non sendo competente o concello sobre a instalación, pero si na defensa dos intereses dos veciños de Vilalba, e dado que neste momento aínda non se levaron a cabo as obras de dotación de marquesiñas na contorna da estación actual nin se dispón doutra instalación alternativa na vila, solicitamos o mantemento dunhas condicións normais de uso da estación mentres non exista outra alternativa para a espera, recollida e baixada de viaxeiros en Vilalba”, remata a alcaldesa.