A ALCALDÍA E A CONCELLERÍA DE FEIRAS E MERCADOS PRESENTAN A FEIRA INTERCULTURAL QUE SE CELEBRARÁ NA PRAZA DE SANTA MARÍA ESTE DOMINGO 3 DE AGOSTO

A cita arrancará ás 12:00 con postos de diferentes países do mundo nos que haberá degustación gratuíta de produtos típicos e completarase coa actuación de baile “Alleo” do Colectivo Glovo

A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, presentaron hoxe unha nova proposta para a dinamización dos domingos de feira na Praza de Santa María: unha feira intercultural que se celebrará este domingo 3 de agosto.

“Unha proposta diferente coa que damos continuidade á iniciativa que puxemos en marcha fai uns meses para incrementar a afluencia de visitantes e ambiente na Praza de Santa María durante os domingos de feira”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco.

A cita arrancará ás 12:00 horas e os protagonistas serán os veciños e veciñas de Vilalba emigrados dende diversos países do mundo: Colombia, Venezuela, Marrocos, Perú, Cuba, Brasil, Senegal, Uruguai, Rusia ou Italia, entre outros.

“Quen se encargarán de elaborar produtos típicos dos seus países de orixe coa colaboración económica do Concello para ofrecer aos visitantes e que estes poidan coñecer os sabores do mundo” apuntou a rexedora, Marta Rouco.

Ademais, cada un dos postos da feira intercultural contará con folletos informativos sobre os países para “fomentar o coñecemento intercultural dos visitantes, ao tempo que promovemos as relacións e conversas entre os nosos veciños e veciñas”, salientou Marta Rouco.

Finalmente, a primeira feira intercultural organizada polo Concello “grazas á colaboración da delegación de Cáritas na nosa vila, que promove cada ano o seu encontro intercultural” contará ás 13:15 horas coa actuación de baile “Alleo” do Colectivo Glovo.

“Dende o Concello queremos animar a todos os visitantes que pasen este domingo pola nosa feira mensual a que se acheguen ata a Praza de Santa María para descubrir sabores do mundo, particularidades de cada cultura e enriquecer a nosa sociedade” concluíu a alcaldesa, Marta Rouco.