A CONCELLERÍA DE IGUALDADE INAUGURA ESTE XOVES, 30 DE OUTUBRO, A EXPOSICIÓN “MULLER RURAL: REVELA A SÚA FORZA” NO AUDITORIO MUNICIPAL

Unha mostra colectiva que homenaxea a forza e o papel das mulleres rurais vilalbesas a través de medio cento de fotografías achegadas polos veciños e veciñas.

A alcaldesa de Vilalba e concelleira de Igualdade, Marta Rouco, anunciou hoxe a inauguración da exposición “Muller rural: revela a súa forza”, que terá lugar este xoves, 30 de outubro, ás 20:00 horas, na sala de exposicións do Auditorio Municipal.

A mostra, de carácter colectivo, reunirá arredor de 50 fotografías de mulleres rurais do municipio, achegadas por veciños e veciñas de Vilalba, converténdose nunha homenaxe compartida a todas as mulleres que, co seu traballo diario, contribúen ao desenvolvemento do rural e á preservación da súa esencia.

Cada fotografía irá acompañada dun título e unha descrición elaborados polos propios autores e autoras, que axudan a contextualizar a imaxe e poñer en valor as historias e experiencias das súas protagonistas. 

A exposición incluirá fotografías antigas e actuais, mostrando así diferentes xeracións e formas de vida que conviven e definen a identidade do rural vilalbés.

O acto de inauguración será aberto a todo o público, convidando á veciñanza a participar e a descubrir unha mostra que é posible grazas á implicación e colaboración dos propios vilalbeses e vilalbesas.

A alcaldesa destacou que esta exposición “é unha oportunidade para poñer rostro e voz ás mulleres que representan o corazón do noso rural, recoñecendo o seu esforzo, a súa dedicación e a súa forza, que son tamén a forza de Vilalba”.