A CONCELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS URBANAS INICIA AS OBRAS DE REXENERACIÓN DO FIRME DA RÚA DO REGO

– A actuación, cun investimento de máis de 47.000 euros, permitirá completar a renovación integral desta vía e mellorar a seguridade e comodidade de peóns e vehículos

O Concello de Vilalba iniciou hoxe as obras de rexeneración do firme da rúa do Rego, unha actuación que suporá a mellora integral do segundo tramo desta vía urbana e que permitirá completar a renovación xa executada recentemente no seu tramo inicial, no acceso desde o cruce coa rúa Plácido Peña.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, desprazáronse esta mañá ata a zona para supervisar o comezo dos traballos, que arrancaron coa demolición do firme existente, unha fase previa necesaria para acometer o conxunto da intervención prevista.

A obra conta cun investimento superior aos 47.000 euros e contempla a remodelación do tramo comprendido desde a altura do número 2 da rúa do Rego ata o final da mesma, dando continuidade á actuación realizada no primeiro tramo e mellorando de maneira notable a seguridade viaria e a comodidade tanto de vehículos como de peóns.

A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que “con esta obra damos un paso máis na renovación progresiva das rúas de Vilalba, apostando por espazos máis seguros, accesibles e cómodos para a veciñanza”. Rouco subliñou que “a continuidade nas actuacións é clave para lograr unha mellora real do entorno urbano, evitando intervencións illadas e apostando por solucións integrais”.

Os traballos inclúen a demolición do pavimento e das beirarrúas existentes para a posterior pavimentación dunha superficie aproximada de 430 metros cadrados mediante unha plataforma única de formigón en masa. 

Ademais, executarase a conexión coa rede de saneamento municipal e instalaranse os elementos necesarios para a condución e recollida de augas pluviais, mellorando así a funcionalidade e durabilidade da vía.

Esta actuación está incluída no convenio acadado desde a Alcaldía coa Deputación de Lugo, que supón un investimento global de máis de 260.000 euros en Vilalba.

“Esta obra encaixa na liña de traballo deste goberno local, centrada na mellora das infraestruturas municipais e na calidade de vida das persoas”, salientou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.

Desde o Concello de Vilalba sinalan que os traballos se desenvolverán nas vindeiras semanas e piden comprensión á veciñanza polas posibles molestias ocasionadas durante a execución da obra, lembrando que se trata dunha actuación necesaria para mellorar o estado da vía e o seu uso diario.