– A Praza da Constitución acollerá unha nova edición da iniciativa promovida pola Asociación de Empresarios coa colaboración do Concello
O Concello de Vilalba colabora un ano máis coa Asociación de Empresarios de Vilalba na organización da Feira de Oportunidades, que se celebrará o sábado 11 e o domingo 12 de abril na Praza da Constitución, consolidándose como unha das citas comerciais máis destacadas do calendario local.
A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, acompañaron aos representantes da asociación na presentación desta nova edición, na que se volverá apostar por sacar o comercio á rúa e achegar ao público unha oferta atractiva e accesible.
“Esta feira é un exemplo claro do traballo conxunto entre o Concello e o tecido comercial para dinamizar Vilalba e apoiar aos nosos negocios locais”, destacou a alcaldesa, quen subliñou que “o comercio de proximidade é fundamental para a economía do municipio e tamén para manter viva a nosa vila”.
Durante a fin de semana, un total de 16 establecementos ofrecerán os seus produtos con descontos especiais, abarcando diferentes sectores como moda, calzado, libraría ou téxtil, entre outros. A feira desenvolverase en horario de mañá e tarde, facilitando a asistencia de público ao longo de toda a xornada.
Ademais da oferta comercial, a cita incluirá propostas complementarias orientadas a mellorar a experiencia das persoas visitantes, como un servizo de ludoteca infantil para favorecer a conciliación e diferentes accións promocionais vinculadas ás compras.
Rouco destacou que este tipo de iniciativas “non só contribúen a incentivar o consumo, senón que tamén axudan a xerar ambiente, atraer visitantes e reforzar a actividade na Praza da Constitución, un dos espazos centrais da vida en Vilalba”.
A Feira de Oportunidades enmárcase dentro das accións de dinamización impulsadas polo Centro Comercial Aberto, nunha aposta compartida por fortalecer o comercio local e promover unha economía de proximidade sólida e activa.
