A LIGA SANTABALLESA RECIBE O PREMIO AO TURISMO SOSTIBLE DA DEPUTACIÓN DE LUGO POLO PROXECTO ‘SANTABALLA, TERRITORIO DE MEMORIA E SOSTIBILIDADE’

– O Concello de Vilalba presentou o proxecto aos VII Premios á Excelencia do Turismo e a Gastronomía da provincia, recoñecendo o traballo da entidade santaballesa na posta en valor do patrimonio, a memoria e os recursos turísticos da parroquia

O Concello de Vilalba celebra o recoñecemento concedido á Liga Santaballesa nos VII Premios á Excelencia do Turismo e a Gastronomía da Provincia de Lugo, nos que o proxecto ‘Santaballa, Territorio de Memoria e Sostibilidade’ foi distinguido co Premio ao Turismo Sostible.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, participou esta tarde no acto de entrega acompañada pola concelleira de Turismo, María Xosé Fernández, e polo presidente da Liga Santaballesa, Isidro Cillero.

O proxecto foi presentado polo Concello de Vilalba, a través da súa Oficina de Turismo, coa colaboración da Liga Santaballesa, e pon en valor diferentes recursos patrimoniais, culturais e naturais da parroquia a través dunha proposta que combina a Ruta Arqueolóxica de Santaballa e a Feira Indiana.

Deste xeito, o Concello quere destacar que o premio recoñece fundamentalmente o traballo e a implicación da Liga Santaballesa, unha entidade que leva anos contribuíndo á conservación e difusión da memoria e do patrimonio da parroquia, e que converteu estes recursos nun elemento de dinamización cultural e turística.

UN PROXECTO NACIDO DO TERRITORIO

A alcaldesa, Marta Rouco, sinalou que “este premio é, sobre todo, un recoñecemento á Liga Santaballesa e ás persoas que están detrás deste proxecto, porque son elas as que levan anos mantendo viva esta memoria e facendo posible que Santaballa teña hoxe unha proposta turística propia”.

“Desde o Concello temos a responsabilidade de acompañar, apoiar e dar visibilidade a ese traballo. Pero cando falamos deste premio temos que poñer no centro a quen leva anos facendo posible que este patrimonio siga vivo”, engadiu.

A alcaldesa, Marta Rouco, puxo tamén en valor a colaboración entre o Concello e as entidades locais para “facer que os recursos que temos no territorio sexan coñecidos e poidan formar parte dunha oferta turística vinculada á identidade de Vilalba”.

A Ruta Arqueolóxica de Santaballa conta cun percorrido de 14,94 quilómetros e conecta diferentes elementos patrimoniais da parroquia, entre eles a Escola Habanera, o Xardín Botánico, o asentamento castrexo, o xacemento paleolítico de Pena Grande, o menhir de Pena Chantada e a Medoña de Estelo.

A proposta complétase coa Feira Indiana, que este ano celebrou a súa XVI edición e que recupera a memoria da emigración a América e, especialmente, a Cuba, mediante a ambientación histórica, a música, os oficios, a artesanía e a participación da veciñanza.

Desde o Concello trasladan a súa felicitación á Liga Santaballesa por este recoñecemento, así como ás persoas e colectivos que ao longo dos anos contribuíron a facer de Santaballa un referente de conservación da memoria e posta en valor do patrimonio local.