– A oferta inclúe cursos infantís, a partir dos 4 anos, e para persoas adultas, con diferentes niveis
A Piscina Municipal de Vilalba abre hoxe, 7 de setembro, o prazo de preinscrición nos cursos de natación correspondentes á temporada 2026/2027.
A programación contará con cursos para nenos e nenas, a partir dos 4 anos, e para persoas adultas, adaptando a oferta ás diferentes idades e niveis.
O prazo de preinscrición permanecerá aberto do 7 ao 17 de setembro, ambos incluídos. As solicitudes deberán realizarse presencialmente na recepción da Piscina Municipal, onde tamén se facilitará toda a información relativa aos cursos, horarios, niveis e funcionamento.
Desde a instalación municipal lembran que non se tramitarán as preinscricións por vía telefónica nin por correo electrónico.
CRITERIOS DE ADMISIÓN E CALENDARIO
O criterio para a adxudicación das prazas será a antigüidade, tendo preferencia as persoas que estiveran matriculadas nos cursos da temporada 2025/2026.
No caso de que nun determinado curso haxa máis solicitudes ca prazas dispoñibles, realizarase un sorteo entre as persoas usuarias con antigüidade e, posteriormente, entre os novos usuarios e usuarias.
O sorteo terá lugar o 18 de setembro ás 12:00 horas na Piscina Municipal.
As listas de persoas admitidas publicaranse o 21 de setembro na propia piscina e, ao longo desa xornada, tamén na páxina web do Concello de Vilalba.
A partir do 22 de setembro, as persoas que non obtivesen praza poderán consultar na recepción da piscina as posibles prazas que queden vacantes.
Os cursos da nova temporada darán comezo o 1 de outubro.
Para consultar calquera dúbida, as persoas interesadas poden contactar coa Piscina Municipal de Vilalba no teléfono 982.512.530 ou seguir o novo canal de WhatsApp da instalación, onde se irán comunicando as novidades.