ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NA III FEIRA INTERCULTURAL, QUE SE CELEBRARÁ O 2 DE AGOSTO

As persoas interesadas poderán participar elaborando pratos típicos dos seus países de orixe, cuxo custo dos ingredientes asumirá o Concello

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, presentaron a apertura do prazo de inscrición para participar na III Feira Intercultural de Vilalba, unha iniciativa que volverá converter a Praza de Santa María nun punto de encontro entre culturas o vindeiro domingo 2 de agosto, coincidindo coa celebración da tradicional feira mensual.

O obxectivo desta cita é volver poñer en valor a diversidade cultural existente no municipio a través da gastronomía, convidando aos veciños e veciñas procedentes doutros países a compartir coa cidadanía os sabores, tradicións e costumes dos seus lugares de orixe.

As persoas participantes elaborarán pratos típicos dos seus países, que posteriormente ofrecerán de forma gratuíta aos asistentes durante a celebración da feira, permitindo que veciñanza e visitantes poidan realizar unha viaxe gastronómica por diferentes partes do mundo sen saír de Vilalba.

Co fin de facilitar a participación, o Concello asumirá o custo dos ingredientes necesarios para a elaboración das comidas, de maneira que as persoas inscritas só terán que preparar os pratos e achegalos á Praza de Santa María na mañá do domingo 2 de agosto.

A organización asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe, onde permanecerán durante o desenvolvemento da feira, dende as 11:30 horas, compartindo coa veciñanza as súas elaboracións e dando a coñecer unha pequena parte da súa cultura.

As persoas interesadas en participar deberán enviar un correo electrónico a feiras@vilalba.es, indicando o seu nome, un teléfono de contacto e o seu país de orixe. 

Posteriormente, desde o Concello poranse en contacto con cada participante para explicarlles o funcionamento da feira, a compra dos ingredientes e todos os detalles da organización. O prazo para presentar as inscricións permanecerá aberto ata o mércores 29 de xullo.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, fixo un chamamento á participación da veciñanza, lembrando que esta iniciativa “só é posible grazas á implicación das persoas que deciden compartir unha parte da súa identidade co resto da vila”. 

A III Feira Intercultural busca consolidarse como un espazo de convivencia e encontro, no que a gastronomía se converta nun vehículo para coñecer outras culturas e seguir construíndo unha Vilalba aberta, diversa e integradora.

A actividade forma parte da programación impulsada pola Alcaldía de Vilalba para dinamizar a tradicional feira mensual e favorecer a convivencia entre a veciñanza, convertendo a Praza de Santa María nun escaparate da riqueza cultural que hoxe forma parte da realidade do municipio.