Alumeado en Campomaior, Samarugo

O CONCELLO DE VILALBA REMATA A INSTALACIÓN DE ALUMEAMENTO LED EN CAMPOMAIOR, NA PARROQUIA DE SAMARUGO

Vilalba, 20 de xaneiro de 2021. O Concello de Vilalba informa á veciñanza da renovación do alumeamento en Campomaior, na parroquia de Samarugo. A intervención implicou o renovamento das antiguas lámpadas por dispositivos de tecnoloxía LED, con maior eficiencia lumínica e enerxética.

Concretamente, realizouse a substitución dos 14 puntos de luz de sodio de 70 W que había no núcleo, por novas lámpadas LED de 40W. A alta eficiencia, tanto lumínica como enerxética, dos novos dispositivos baséase nunha regulación do seu rendemento.

Así, durante as cinco primeiras horas de actividade, as lámpadas traballan ao 100% da súa capacidades. Despois, reducirán a carga de traballo ao 75% e a continuación, ao 50%. A partir das 6 da mañá, os dispositivos recuperan o rendemento do 100%.

Ademais, o tipo de alumeamento escollido polo Concello, de 4.000 graos Kelvin de temperatura de cor, “resalta as edificacións do lugar, ao ser a maioría delas de granito da zona. Creando un ambiente adecuado á contorna”, puntualiza Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.

Estes traballos dan continuidade ao plan do Concello de Vilalba centrado na renovación progresiva de todo o sistema de alumeamento público, con especial atención ás parroquias e ao rural.

“O compromiso do Concello de Vilalba é firme co rural. Por iso, levamos a cabo este tipo de actuacións que melloran a calidade de vida en núcleos como Campomaior, en zona de montaña”, explica Luis Fernández.