BASES DO XLVI PREMIO DE POESÍA DO CERTAME LITERARIO DO CONCELLO DE VILALBA 2020
O Concello de Vilalba, co fin de estimular a creación poética, convoca o XLVI Premio de Poesía do Concello de Vilalba, enmarcado no Certame Literario anual.
PRIMEIRA.
Modalidade: Poesía.
Este concurso consta dun único premio indivisible.
Premio: 7000 euros, flor natural e diploma.
O financiamento do premio farase con cargo á aplicación orzamentaria 334.48942 (orzamento municipal 2020 do Concello de Vilalba).
SEGUNDA.
Poderán concorrer ao certame todos os autores e autoras que o desexen, calquera que sexa a súa nacionalidade, sempre que presenten as súas obras en lingua galega.
TERCEIRA.
Os poemas serán orixinais e inéditos, escritos en galego, non premiados noutros concursos en datas anteriores ao fallo do xurado. O incumprimento dalgunha destas condicións na obra premiada significaría a súa exclusión, procedendo o xurado a formular de novo a proposta de poemas premiados ou declarando deserto o premio.
CUARTA.
O tema do traballo será libre e a súa extensión mínima será de 500 versos.
QUINTA.
As obras enviaranse por vía electrónica mediante a dirección http://www.certamedevilalba.org/inscricion , na que se indicará o lema que distinga o traballo e achegarase o arquivo en formato PDF, co contido da obra.
A continuación enviarán por correo ordinario, un sobre pechado no que figurará o lema que distinga o traballo, e no que no seu interior irá o nome e apelidos do autor/a, DNI, enderezo, teléfono, poboación de residencia, declaración formal de que a obra é inédita, xunto cunha pequena biografía do autor/a.
No sobre deben indicar:
CONCELLO DE VILALBA
Certame Literario (indicar o lema que distingue o seu traballo)
Praza da Constitución núm. 1
27800 Vilalba – Lugo
Non deben poñer datos do remitente, pois os traballos serán nulos.
É de destacar que soamente se abrirá o sobre do traballo premiado.
SEXTA.
O prazo de admisión dos traballos comeza desde a data de publicación das bases na web municipal e remata o día 17/07/2020 ás 14h.
SÉTIMA.
O xurado será nomeado mediante resolución da alcaldía, e estará composto por persoas vencelladas ao eido da cultura e da educación, e estará presidido pola Concelleira de Cultura ou persoa que a substitúa, e actuando de secretario/a técnica/o ou persoa que a substitúa. A composición do xurado farase pública na páxina web www.vilalba.org e na Sede Electrónica do concello.
Unha vez que se reúna o xurado darase a coñecer o premiado/a, na páxina web www.vilalba.org, na Sede Electrónica do concello e a través dos distintos medios de comunicación. A persoa premiada ou representante da mesma, será citada para asistir a un acto no que se fará entrega do premio, sempre e cando sea posible a celebración do mesmo.
No caso de que as obras presentadas non acadasen o nivel esixible a xuízo do xurado para a obtención do premio ou non tivesen a categoría suficiente, poderá declararse deserto.
OITAVA
1. O importe do premio estará suxeito aos impostos e retencións legais que lle sexan de aplicación.
O/A premiado/a deberá acreditar estar ao corrente das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade social, mediante certificados aos que se refire o artigo 24.4 do Real Decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións. Ademais, terán que achegar declaración responsable acreditando non estar incursos en ningunha das causas que determina o artigo 13.2 da Lei 38/2003 Xeral de Subvencións.
O concello comprobará de oficio que o gañador do premio está ao corrente das súas obrigas tributarias co Concello de Vilalba.
2. O concello, que publicará a obra premiada, resérvase os seus dereitos de edición e entregará á persoa gañadora 15 exemplares da obra premiada.
3. O Concello de Vilalba resérvase en exclusiva, o dereito de edición da obra premiada, sen pago adicional algún o da propia cuantía do premio, constituíndo este a única e total remuneración, considerándose e convindo a súa autoría a tal efectos que:
a) Cede por tempo indefinido, sen límite territorial e para calquera dos posibles sistemas de comercialización, modalidades e soportes de edición, os dereitos de reprodución, distribución e venda da obra premiada.
Esta cesión será en exclusiva para o Concello de Vilalba.
b) O Concello de Vilalba queda facultado para a realización, por si mesmo ou mediante convenio co servizo editorial público ou privado, de cantas edicións considere oportunas, e co número de exemplares que decida libremente.
c) O Concello de Vilalba queda facultado para a tradución da obra premiada a outros idiomas, cos mesmos dereitos de explotación e uso que na lingua orixinal, sempre contando co visto e prace do autor/a da obra.
NOVENA.
As obras non premiadas serán destruídas xunto coas súas plicas, non admitíndose peticións de devolución.
DÉCIMA.
O fallo do xurado é inapelable, os concursantes aceptan integramente estas bases así como cantas decisións adopte o Concello de Vilalba para que estas poidan ser interpretadas e aplicadas.
UNDÉCIMA.
Segundo a Lei Orgánica 15/1999, de Protección de Datos de Carácter Persoal, informámoslles que os datos que se solicitan nas presentes bases pasarán a formar parte dun ficheiro debidamente inscrito na Axencia Española de Protección de Datos, responsabilidade do Concello de Vilalba, coa finalidade de xestionar a presente solicitude. Vostede pode exercer os dereitos de oposición, acceso, rectificación e cancelación dirixíndose ás nosas oficinas coa súa solicitude e a fotocopia do seu DNI.