– A actuación, no marco do convenio entre o Concello de Vilalba e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, permitirá solucionar as filtracións de augas residuais que afectan desde hai anos a garaxes e inmobles da zona
As obras de renovación da rede de saneamento da rúa Plácido Peña comezan esta semana cun investimento global de case 850.000 euros, que inclúe a redacción do proxecto, a dirección de obra e a execución das actuacións, no marco do convenio entre o Concello de Vilalba e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
A actuación ten como principal obxectivo renovar a rede de colectores de augas fecais desta rúa e solucionar os problemas existentes na actual rede, especialmente as filtracións de augas residuais e fecais que afectan desde hai anos a algúns garaxes e inmobles da zona.
O proxecto contempla a supresión de exfiltracións e infiltracións, a mellora da estanqueidade da rede, a regularización da xeometría nos puntos nos que existen diámetros inferiores aos 400 milímetros e a homoxeneización dos materiais. Con estas actuacións preténdese garantir a operatividade e durabilidade do sistema, así como minimizar as afeccións aos servizos existentes e á mobilidade urbana durante a execución dos traballos.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou a importancia dunha intervención que terá unha repercusión directa na vida cotiá dos veciños e veciñas da rúa: “Estamos ante unha obra moi necesaria, porque responde a un problema que os veciños e veciñas desta rúa levan anos padecendo. O máis importante é que esta actuación permitirá solucionar as filtracións de augas residuais que están afectando a garaxes e inmobles e mellorar de maneira importante o funcionamento da rede de saneamento.”
Rouco sinalou tamén que esta actuación forma parte do compromiso do goberno local coa mellora integral do ciclo da auga en Vilalba: “Seguimos avanzando no obxectivo de mellorar o ciclo da auga no municipio, actuando tanto sobre as redes de abastecemento como sobre o saneamento. Son obras que moitas veces non son as máis visibles, pero que son fundamentais para garantir servizos públicos de calidade e solucionar problemas que afectan directamente aos veciños.”
CORTES PUNTUAIS NO SUBMINISTRO
A execución dos traballos implicará cortes puntuais no subministro de auga. Esta semana están previstos cortes o xoves 8 e o venres 9 de outubro, nos números 2 ao 8 da rúa Plácido Peña, ambos incluídos, entre as 11:00 e as 16:00 horas.
Durante as vindeiras semanas poderán ser necesarios novos cortes puntuais para permitir o desenvolvemento das obras. O Concello informará previamente destes cortes e pide desculpas polas molestias que poidan ocasionar, ao tempo que lembra que son necesarios para que a empresa encargada poida executar correctamente os traballos.
“Sabemos que unha obra destas características pode xerar molestias no día a día, especialmente polos cortes de subministro que poidan ser necesarios. Pedimos desculpas por adiantado, pero son actuacións imprescindibles para poder renovar a rede e solucionar definitivamente un problema que afecta aos veciños”, explicou a alcaldesa.
NOVAS ACTUACIÓNS PREVISTAS NA RÚA
O Concello de Vilalba tamén está a traballar nun novo proxecto que permitirá acometer outras melloras e renovacións visibles na rúa Plácido Peña, dando continuidade ao proceso de mellora desta zona da vila.
“Esta renovación da rede de saneamento é un primeiro paso. Desde o Concello estamos traballando tamén noutras actuacións que permitirán mellorar a propia rúa e que serán máis visibles para os veciños. A nosa intención é aproveitar estas intervencións para seguir avanzando na mellora de Plácido Peña e da súa contorna”, concluíu Marta Rouco.