A actuación permite incrementar nun 45% o grao de iluminación e reducir á metade o consumo enerxético, continuando co plan de mellora das instalacións deportivas municipais.
O Concello vén de renovar a iluminación do pavillón do CEIP Insua Bermúdez coa instalación de 21 focos de tecnoloxía LED, substituíndo por completo a antiga iluminación.
Esta mellora permite incrementar nun 45% o grao de iluminación e reducir nun 50% o consumo enerxético, apostando por un modelo máis eficiente e sostible.
A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que “este tipo de actuacións son un exemplo do compromiso do goberno local coa mellora continua das instalacións deportivas e educativas, garantindo espazos modernos e en mellores condicións para quen os utiliza cada día”.
A actuación dá resposta ás demandas tanto da comunidade educativa do CEIP Insua Bermúdez como das entidades deportivas que empregan o pavillón para os seus adestramentos e actividades semanais.
Esta mellora súmase ás intervencións realizadas recentemente nos vestiarios do mesmo pavillón, onde se renovou a cuberta e a fachada e se substituíron os termos de auga quente por unha bomba de calor con sistema de aerotermia, o que permitiu multiplicar por cinco a capacidade de auga quente, pasando de 200 a 1.000 litros.
Rouco subliñou que “estas melloras son o reflexo dunha xestión baseada na planificación e na resposta ás necesidades reais das persoas usuarias das instalacións municipais”.
Dende a Alcaldía destácase tamén que esta actuación forma parte do plan de mantemento e modernización das instalacións deportivas municipais, no que se inclúen outras intervencións recentes como o cambio de pista e da iluminación a LED no pavillón do CEIP Mato Vizoso ou a instalación de canastras con sistema de elevación automática no mesmo recinto.
Con estas actuacións, o goberno local continúa avanzando na posta a punto das infraestruturas deportivas de Vilalba, garantindo que todos os espazos públicos conten con condicións óptimas para o seu uso diario.