CONCURSO DE RECEITAS DO QUEIXO DE SAN SIMÓN DA COSTA

A continuación, as bases do concurso no que poderán participar todas as persoas interesadas a través das súas receitas con este produto emblema de Vilalba

CONCURSO DE RECEITAS DO QUEIXO DE SAN SIMÓN DA COSTA

Bases do Concurso.

1. Obxectivo E Finalidade

O Concello de Vilalba, a través da súa Concellería de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Mercados e Turismo, convoca o “Concurso de receitas do Queixo de San Simón Da Costa” co obxectivo de promocionar un dos produtos emblema na gastronomía de Vilalba.

2. Destinatarios.

Poderán participar todas as persoas interesadas, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos.


3. Requisitos De Participación

O concurso constará de tres modalidades de participación:

• MODALIDADE 1: Aperitivo.

 • MODALIDADE 2: Prato principal

• MODALIDADE 3: Sobremesa.

– O concurso consistirá en crear unha receita na que conte como principal  ingrediente o queixo de San Simón, e deberán estar escritas en lingua galega

– Cada participante poderá presentar unha única receita por modalidade.

– Os participantes garantirán que as receitas que presentan a concurso son orixinais e que non vulneran dereitos de terceiros, polo que o concello de Vilalba non asumirá ningunha responsabilidade derivada neste extremo por parte dos concursantes.

_ O incumprimento desta base será motivo de descualificación por parte do Xurado.

4. Prazos e presentación das receitas e obrigacións dos participantes.

O prazo de admisión de receitas será desde a publicación das presentes bases no Boletín oficial da provincia de Lugo ata as 23:59 horas  do 28/03/2021, non sendo admitidas aquelas que se reciban fose do prazo indicado. A inscrición poderá realizarse cumprimentado o formulario de inscrición habilitado para o efecto na web www.vilalba.gal e presentando este,  xunto coa receita elaborada, por calquera dos medios de presentación recollidos na Lei 39/2915, de 1 de outubro, do procedemento común das administracións públicas, a través da sede electrónica do Concello https://vilalba.sedelectronica.es/ ou ben presencialmente por rexistro, en horario de 9:00h a 14:00h.

O/a participante deberá enviar os seus datos, xunto coa receita e foto de presentación  da mesma.

Pasos a seguir para realizar a inscrición ao concurso:

Paso I: crear unha receita na modalidade “Aperitivo”, “Prato principal” e “Sobremesa”. Un participante pode enviar receitas ás tres modalidades, pero só unha por modalidade. A receita explicarase nos apartados correspondentes, en lingua galega, especificando a seguinte información:

• Modalidade (“Aperitivo”, “Prato principal” e “Sobremesa”)

• Nome ou título da receita.

 • Número de racións.

• Ingredientes, detallando as cantidades a utilizar dos mesmos.

• Pasos a seguir na súa elaboración.

 • Fotografía, non suxeita a dereitos de autor, da receita unha vez elaborada e presentado.

Paso II: cumprimentar o formulario de inscrición habilitado na web do concello, xunto coa receita elaborada e a súa fotografía através da Sede electrónica ou ben por rexistro presencial no concello.

5.  Criterios de Selección.

Teranse en conta os seguintes criterios de valoración, ata un máximo de 5 puntos:

Presentación do prato – 1 punto

Dificultade da receita – 1 punto

Orixinalidade – 1 punto

Técnicas – 1 punto

Explicación da receita – 1 punto

6. Premios.

A receita que resulte gañadora en cada modalidade, recibirá unha cesta de produtos galegos valorada  en 100€ cada unha. E todas as receitas que participen no concurso serán publicadas nun receitario promocional do queixo de San Simón da Costa coincidindo coa Feira do Queixo de 2022.

O financiamento dos premios farase con cargo á aplicación orzamentaria 4311.48942.

7. Xurado.

O xurado votará entre as receitas recibidas e que cumpran os criterios destas bases, para determinar as receitas finalistas. Gañará o concurso o prato que obteña maior valoración.

O fallo adoptarase por maioría simple e o voto de calidade, en caso necesario, corresponderá ao Presidente do Xurado.

O xurado estará presidido pola Concelleira de Feiras e Mercados ou persoa que a substitúa, e actuando de secretario/a o técnico de cultura  ou persoa que a substitúa, e a súa composición   farase pública na páxina web https://www.vilalba.gal/ e na Sede Electrónica do concello.

Unha vez que se reúna o xurado darase a coñecer os premiados/as, na páxina web https://www.vilalba.gal/ na Sede Electrónica do concello e a través dos distintos medios de comunicación.

8. Observacións.

O concello de Vilalba resérvase os seus dereitos de edición, e queda facultado para a tradución das receitas recibidas a outros idiomas, cos mesmos dereitos de explotación e uso que na lingua orixinal.

9.Aceptación das  bases

A participación no concurso significa a aceptación destas bases.

10. Tratamento de datos persoais.

Os datos persoais dos participantes, serán tratados con toda a rigorosidade que esixe a Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais, e a restante normativa aplicable na materia.