ESCOLA DE IGUALDADE

O CONCELLO DE VILALBA PRESENTA A PRIMEIRA ESCOLA DE IGUALDADE XUNTO Á ASOCIACIÓN FEMINISTA, QUE SE CELEBRARÁ O 15 E 16 DE OUTUBRO

O Concello de Vilalba anuncia a primeira Escola de Igualdade, un espazo de formación, prevención e sensibilización contra as violencias machistas e en pro da igualdade. Co lema “A igualdade, a meta. O feminismo, o camiño”, desde a Área de Igualdade e o CIM, xunto coa Asociación Feminista de Vilalba, lanzan esta iniciativa que terá lugar os vindeiros 15 e 16 de outubro.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e a concelleira de Igualdade, Vanesa Siso, presentaron esta primeira edición xunto coa presidenta e a psicóloga do Centro de Información ás Mulleres, Ana Berta Pardo e Luisa Padrón, e a presidenta da AFV, Araceli Goiriz, e outras compoñentes da asociación.

A Escola de Igualdade de Vilalba pretende ser un lugar de encontro entre mulleres e de aprendizaxe, con dous xornadas de conferencias e mesas redondas onde se abordarán temas como as violencias machistas no confinamento, os conceptos ao redor do feminicidio ou a cousificación do corpo das mulleres. Relatoras de primeiro nivel, estudosas das políticas de igualdade e violencia de xénero, integran este cartel.

Eliana Martíns, integrante de Xornalistas de Galicia e responsable da comunicación do Colexio Oficial de Psicoloxía dará unha conferencia titulada “A pandemia na sombra. Violencia contra as mulleres no confinamento”. Miguel Lorente, Delegado de Goberno para a Violencia de Xénero no Ministerio de Igualdade (2008-2011), titular de Medicina Legal da Universidade de Granada e Médico Forense, profundizará sobre as causas e consecuencias da violencia de xénero.

A filósofa e ensaísta Carme Adán, compoñente da Comisión Técnica de Xénero do Consello da Cultura Galega, falará sobre as violencias feminicidas, conceptos e leis.

A cousificación do corpo das mulleres será tratada por Yolanda Domínguez, artista visual experta en comunicación e xénero, Fátima Arranz, titular de Socioloxía na Universidade Complutense de Madrid, e Ana Dolores Verdú, doutora en Estudos de Xénero, profesora na Universidade Técnica Particular de Loja (Ecuador). Esta mesa redonda estará moderada por María Valcárcel, profesora da USC, xornalista e xestora cultural.

Ademais, as xornadas abriranse cunha mesa local organizada pola Asociación Feminista de Vilalba, unha aposta do colectivo por poñer en valor o papel das mulleres vilalbesas en distintos sectores, e que agora integra a Escola de Igualdade. Logo de visibilizar ás vilalbesas con proxectos no rural, emprendedoras e empresaria, ou destacadas no mundo dos deportes, agora serán as profesionais das artes visuais as que tomen a palabra. A debuxante e pintora Isabel Pardo, a creadora audiovisual Iria Silvosa e a fotógrafa Yolanda Purriños porán en valor a través das súas experiencias o traballo das mulleres neste eido.

Haberá prazas limitadas para asistir ás xornadas, de modo que as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico cos seus datos (Nome, apelidos, DNI, correo electrónico e número de teléfono) á dirección igualdade@vilalba.es, tendo como prazo máximo de inscrición o 12 de outubro.

Desde a organización animan a acudir a esta Escola “para fomentar o debate sobre a igualdade e empregar os coñecementos como ferramentas imprescindibles para a consecución real dunha sociedade libre de violencias machistas”.

Para saber máis:

ELIANA MARTÍNS

Licenciada en Xornalismo pola USC. Integrante de Xornalistas de Galicia. Durante catros anos mantivo un proxecto propio de consultoría de comunicación, Deseu Comunicación, especializada no eido cultural e no social. Desde 2013 é responsable da comunicación do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

MIGUEL LORENTE

Titular de Medicina Legal da Universidade de Granada, tamén Médico Forense, Especialista en Medicina Legal e Forense, e Máster en Bioética e Dereito Médico. Traballa no estudo da violencia, de xeito moi especial da violencia de xénero, circunstancia fixo que lle nomearan Delegado do Gobierno para a Violencia de Xénero no Ministerio de Igualdade.

CARME ADÁN

Licenciada en Filosofía por la USC. Preside a Aula Castelao de Filosofía e forma parte da Comisión Técnica de Xénero del Consello da Cultura Galega. Deputada no Parlamento Galego de 2005 a 2015. Ocupou tamén a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar de la Xunta de Galicia. Ten numerosas publicacións, entre elas, “Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de sumisión”.

YOLANDA DOMÍNGUEZ

Artista visual experta en comunicación e xénero. Utiliza a arte  para espertar a conciencia social e empoderar ás persoas. Leva máis de once anos creando traballos de participación colectiva e pezas audiovisuais co obxectivo de desenmascarar o machismo normalizado na nosa cultura.

FÁTIMA ARRANZ

Titular de Socioloxía na Universidade Complutense de Madrid. Coordinadora do Programa Interdepartamental de Doctorado de la UCM “La perspectiva del género en las Ciencias Sociales. As súas numerosas publicacións están marcadas pola perspectiva de xénero, os estudos das mulleres, a metodoloxía feminista, a violencia contra as mulleres e as políticas de igualdade de oportunidades, así como os procesos educativos e a subxectividade feminina.

ANA DOLORES VERDÚ

Licenciada en Antropoloxía Social e Cultural. Doctora en Estudos de Xénero. Na súa traxectoria como investigadora aborda temas de interese para as Ciencias Sociais e o Feminismo. Profesora na Universidade Técnica Particular de Loja (Ecuador). Autora de numerosas publicacións, entre elas, o libro: El amor era un trabajo temporal: Estudio sobre la relación género-conflicto en la pareja heterosexual.

ISABEL PARDO (Vilalba, 2002)

Estudante de Historia da Arte na USC. Nos últimos anos mostrou os seus traballos en catro exposicións, tres delas en Vilalba e unha en Guitiriz. Ademais, participou en diversos actos sociais facendo murais e retratos en directo. Algúns destes actos son o premio Agustín Fernández Paz, en Vilalba, e o premio Trapeiro de Honra a Raúl Río, nos Vilares, da man da NPG ou o 8M de 2018 en Vilalba. Ilustrou o número 0 da revista NPGgazeta, e paralelamente o libro de poesía de Emilia Martínez Fuentes “Lendas e versos”. Asimesmo, dá clases de debuxo a rapaces e rapazas e realiza murais privados.

IRIA SILVOSA (Vilalba, 1992)

Formada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e especializada en Edición e Postprodución na escola CENTA de Donostia, a súa traxectoria bifúrcase nos camiños paralelos da montaxe e da creación. Como editora, destaca, sobre todo, dentro da ficción que explora os lindes narrativos menos convencionais, como na peza  Sendeiro (2018) de Lucía Estévez ou A estación violenta (2017), primeira longametraxe na que asume o posto de edición, da man da propia directora Anxos Fazáns, e da montadora e cineasta Diana Toucedo, filme presente en festivais como o Festival de Cine Europeo de Sevilla, BAFICI (Buenos Aires), D´A (Barcelona) e foi nominado,entre outras categorías, tamén a mellor montaxe nos premios Academia do Audiovisual Galego. O seu último traballo foi realizado no marco da produtora de Erika Lust con Analóxica (2019), un filme de corte erótico filmado en super-8. O seu traballo de edición está vinculado tamén a proxectos de outras creadoras da súa xeración como son Nacho Ozores e Ángel Filgueira; a asociacións como a Sega, plataforma feminista de crítica literaria, e á edición de promocións para festivais como Novos Cinemas ou para Numax Coop., lugar onde traballa actualmente.

YOLANDA PURRIÑOS (Vilalba, 1974)

Forma xunto coa súa irmá a segunda xeración de fotógrafos na familia. Técnico Especialista en Fotografía Artística na Escola de Artes Plásticas de Santiago de Compostela, especializada en retrato. Imparte obradoiros de iluminación e dá a súa primeira ponencia de fotografía nun congreso profesional no ano 2000 en Valencia, impartindo despois en cidades como Bilbao, Burgos, Asturias, Portugal, Granada, Tarragona, Alicante, Almería ou Cádiz. Obtivo numerosos galardóns entre os que destacan o premio de mellor retrato nos “Premios Principado de Asturias de Fotografía”, o “Premio Luces de Granada” en retrato nos anos 2018 e 2019, así como varias nominacións aos “Premios Goya de Fotografía” ou ao “Premio Nacional de Fotografía”, entre outros.