As actuacións permitirán que o edificio municipal acade o autoabastecemento enerxético, reducindo ao mínimo o gasto e mellorando a sustentabilidade.
O Concello de Vilalba vén de finalizar a instalación de paneis solares fotovoltaicos na cuberta da Casa Consistorial, unha actuación que forma parte das obras de rehabilitación integral do edificio co obxectivo de mellorar a súa eficiencia enerxética e accesibilidade.
En total colocáronse media centena de paneis fotovoltaicos, cunha potencia instalada de 23.100 kWp, suficientes para cubrir a totalidade da demanda enerxética do edificio municipal, segundo os datos de consumo dos últimos anos.
A instalación complétase con catro unidades de baterías de 5 kWh, que permiten acumular a enerxía suficiente para paliar as caídas de produción nocturnas e garantir o autoabastecemento nas primeiras horas de actividade diaria do consistorio.
Estas melloras forman parte dun conxunto de actuacións incluídas no Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP local), financiadas con fondos europeos, cun investimento total de 1.106.185,96 euros.
Ademais das placas solares, o proxecto inclúe a renovación integral da envolvente do edificio, incorporando illamento e novos acabados nas fachadas e cuberta, así como a substitución de todas as luminarias por outras de tecnoloxía LED, o que suporá unha redución significativa do consumo eléctrico.
A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que “a Casa do Concello converterase en case autosuficiente en termos enerxéticos, o que reducirá as facturas de mantemento ao mínimo e repercutirá nun importante aforro económico para as arcas municipais”. Engadiu tamén que “este proxecto é un paso máis na aposta do goberno local pola sustentabilidade e polos servizos públicos de calidade, que melloran o día a día dos veciños e veciñas”.
O proxecto de eficiencia enerxética na Casa Consistorial enmárcase nun plan integral do goberno local para reducir o gasto enerxético nas instalacións municipais, que inclúe outras actuacións como a substitución dos farois da Praza da Constitución ou as obras de mellora nos vestiarios do pavillón do CEIP Insua Bermúdez.
Desde o Concello de Vilalba subliñan que estas actuacións amosan o compromiso da Alcaldía por gobernar para todos e todas, apostando pola modernización dos servizos públicos e pola sustentabilidade como eixo central da acción de goberno.
