Nova iniciativa para reutilizar os enseres domésticos en Vilalba

O Concello de Vilalba capta fondos europeos para poñer en marcha unha iniciativa destinada a recoller electrodomésticos, roupa ou mobles, reparalos e reutilizalos, reducindo os residuos domésticos

O Concello de Vilalba, tras varios meses de xestións, recibirá fondos europeos para a posta en marcha dunha iniciativa destinada a recoller enseres domésticos, reparalos e reutilizalos, reducindo desta maneira os residuos e fomentando a reciclaxe.

En concreto, esta iniciativa apoiada financieiramente pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e do Fondo Europeo de Desarrollo Rexional, consistirá nunha primeira fase na adecuación dun local ao que os veciños e veciñas poderán levar electrodomésticos, mobles ou prendas de roupa co obxectivo de reparalos e usalos de novo ou intercambialos.

Para elo, o Concello acondicionará o espazo e contratará a profesionais especializados para as tarefas de revisión eléctrica, equipamento eléctrico, reparacións, pintura, etcétera.

Os obxectivos destes espazos para a autorreparación, traballo colaborativo e intercambio teñen unha vertente de dinamización social e de recuperación de oficios e tradicións, pero tamén o obxectivo de reducir residuos, cumprindo coas normativas galega, estatal e europea.

“Con esta iniciativa, o Concello de Vilalba reforza a súa aposta pola reciclaxe, a mellora na xestión de residuos e a sustentabilidade; faremos sesións cos veciños e veciña para explicarlles o funcionamento dos locais, orientalos sobre o aproveitamento que poden realizar dos mesmos e asesoralos na reparación dos distintos elementos, así como o correcto uso das ferramentas disponibles”, explica Rodrigo Pavón, tenente de acañde e concelleiro de Espazos Cidadáns, Relación ca Veciñanza e Servizos.

Ademais, o Concello confía en que esta iniciativa sirva de exemplo para outros veciños que, sen empregar estas instalacións, opten pola reparación e restauración dos enseres vellos en vez de adquirir novos e desprenderse dos antigos.

O grupo de goberno quere mellorar a xestión dos residuos do Concello de Vilalba para contribuír á consecución dos obxectivos globais da recollida selectiva, especialmente os referidos á preparación para a reutilización e a reciclaxe.

“Continuamos coa estratexia de captación de fondos para levar a cabo accións encamiñadas a fomentar as 3 Rs, ‘Reducir, reciclar e reutilizar’, coa colaboración da veciñanza”, engade Pavón.