NOVO ALUMEADO PÚBLICO NO PASEO FLUVIAL, UNHA ACTUACIÓN ENMARCADA NO PLAN DE RECUPERACIÓN DA MADALENA

O concello instalou 89 novos puntos de luz que levaban máis de dez anos sen funcionar utilizando tecnoloxía LED.

O Concello de Vilalba acende hoxe tras os traballos de renovación o alumeado público do Paseo Fluvial, unha actuación enmarcada dentro do plan de recuperación do entorno da Madalena para o desfrute dos veciños e veciñas.

En concreto, o concello instalou 89 novos puntos de luz que levaban máis de dez anos sen funcionar utilizando tecnoloxía LED, o que incrementa a eficiencia enerxética e reduce o consumo e as emisións de C02. 

“Queremos mellorar a visibilidade do paseo dando ademais resposta á demanda veciñal, o espazo de lecer arredor da Madalena é moi transitado e utilizado no verán”, asegura Rodrigo Pavón, primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Servizos, Espazos Cidadans e relación cos veciños de Vilalba.

“Ademáis da renovación da instalación e a posta en funcionamento do novo alumeado no día de hoxe, continuarase na mellora deste espazo, único e que serve para o esparcemento a veciños e visitantes do noso concello”, engade Pavón.

No pasado mes de xuño, rematou a segunda fase das tarefas de limpeza e acondicionamento da zona do paseo e a Praia fluvial da Madalena. Co obxectivo de ter a zona lista para a tempada de verán, procedeuse á retirada de máis de 200 árbores caídas e en mal estado, limpando ademais a zona de baño e os espazos da zona recreativa.

A retirada das ábores realizouna, a petición do Concello de Vilalba, a Confederación hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), á que o grupo de goberno local agradece “a súa receptividade e colaboración”.