O CONCELLO, A NPG E O IESCHA ORGANIZAN AS “XORNADAS ROSALINAS” SOBRE A FIGURA DE ROSALÍA DE CASTRO

As xornadas inclúen actos musicais, divulgativos, poéticos e teatrais sobre a escritora

As “Xornadas Rosalianas” chegan a Vilalba para quedarse. Así o confirmaron desde o Concello de Vilalba, a Nova Poesía Guitirica e o Instituto de Estudos Chairegos, tres entidades que veñen de organizar un programa con máis dunha decena de accións encamiñadas á distinción e recoñecemento de Rosalía de Castro como unha muller sobranceira das nosas letras e imprescindible na nosa cultura.


Os actos presentados por Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, Pilar Maseda e Luz Airado, poetas da NPG, e Vanesa Siso, concelleira de Cultura, comezarán o venres 11 de febreiro, coa inauguración na sala de exposicións do Auditorio Municipal da mostra “Rosalianas”, da pintora e escultora muxiá Viki Rivadulla. A exposición é unha antoloxía que reúne unha selección de obras de catro series distintas para conmemorar o mes de Rosalía como pioneira feminista que foi. Así, o feminismo como motor e filosofía aparece nas series “A voz libre”, “Bruxa!. Libres, rebeldes, insubmisas…”, “Raras (exiliadas, periféricas e monstras)” e “Carrexadoras”. No acto de inauguración recitarán a propia autora, acompañada das voces de Luz Airado e Pilar Maseda.


O sábado 12 de febreiro o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, fará un relatorio ás 12 horas que precederá á inauguración do “Parque Rosalía de Castro”, situado entre as rúas Calvario e Rouco Varela, tras o acordo plenario do Concello de Vilalba ante a solicitude do IESCHA.

Nesta cita contarase cos versos de Clara Blanco e Lois Gayoso, e cun poema musicado a cargo dunha pequena representación da A.C de Andrade.


Tamén haberá propostas para as máis pequenas e pequenos, pois o venres 18 de febreiro ás 18 horas o Auditorio Municipal acollerá “A viaxe de Rosalía”, un espectáculo de monicreques unipersonal onde a súa narradora e titiriteira, Larraitz Urruzola, coas maletas cargadas de teas, zapatos e libros, dará a coñecer parte da obra Rosaliana e algúns dos momentos da vida desta insigne artista galega.


O sábado 19 de febreiro tomará protagonismo a palabra, co recital “As Rosalías sementan pensamentos” presentado por Pastora Veres, no que participarán un total de once mulleres poetas da NPG: Ma Xosé Lamas, Emilia Martínez, Luz Airado, Luz Campello, Luz Darriba, Curra Figueroa, Marica Campo, María Oslita, Branka Villar, Clara Blanco e Ana Mar Fraga. Realizarase no Parque Rosalía de Castro de Vilalba ás 12 horas e haberá un acompañamento musical da formación BMW Ensemble. O mesmo día pola noite, Corredores de Sombra darán un concerto no Auditorio Municipal ás 20:30 horas no que se conxugará a poesía e a música ao redor de Rosalía.


Neste ano 2022, a Fundación Rosalía de Castro anunciou que a data de celebración do día da poeta galega mudaría ao 23 de febreiro, día que en Vilalba se dará paso a dúas representacións traballadas polo profesorado e alumnado dos IES Santiago Basanta Silva e Lois Peña Novo, ás 18 horas no Auditorio Municipal, escenario que compartirán coa danza de Movemento Vilalba.
O programa finaliza o venres 25 de febreiro coa lectura do manifesto a cargo da escritora Beatriz Maceda, ao que sucederá un concerto do grupo “Ialma”, que cantarán a Rosalía no Auditorio Municipal ás 20 horas. Os eventos que se realicen neste espazo estarán dispoñibles na web entradasvilalba.es de balde.


Ademais, durante estas semanas estarán presentes os “Poemas pendurados das farolas”, unha iniciativa da NPG que chega a Vilalba dando voz a distintos autores e autoras, levando a poesía ás rúas da localidade, e tamén á Biblioteca Municipal. Neste espazo se repartirán flores de papel reciclado con motivo do mes de Rosalía e farase unha mostra bibliográfica.
A intención das tres entidades organizadoras, representadas por mulleres, é a de poñer no mapa, tamén en Vilalba, a figura de Rosalía de Castro para consolidar ante a sociedade os valores que deixou a súa obra: identidade, cultura, lingua e feminismo.