O Concello abonou desde o 14 de marzo preto de 780.000 euros aos provedores municipais

Desde que se decretou o Estado de Alarma, o equipo de goberno local do Concello de Vilalba axilizou o pago de facturas pendentes nas distintas áreas de goberno liberando en tempo récord cantidades importantes
Esta actuación dilixente acompaña a un conxunto de medidas económicas e sociais anunciadas polo executivo local desde o inicio da emerxencia sanitaria
 
Vilalba, 14 de abril de 2020
 
O goberno municipal de Vilalba abonou en menos dun mes 777.806,48 euros a provedores municipais para inxectarlles liquidez. Concretamente desde o pasado 14 de marzo, inicio do Estado de Alarma, realizáronse pagos de facturas coa maior celeridade posible, liberando partidas importantes para materializar os compromisos de gasto.
Esta actuación da área de economía responde a un intento de priorizar os pagos ás distintas empresas e persoas autónomas na situación de emerxencia sanitaria actual, de modo que “estamos a facer todo o que está na nosa man e no ámbito das nosas competencias para minimizar o impacto económico desta crise sobre as persoas e as empresas que prestar algún servizo para o Concello”.
Desde o equipo de goberno pormenorizan algúns dos pagos por áreas, por exemplo os 159.268,78 euros en Servizos básicos como sumidoiros, limpeza, obras, etc.; 145.823,11 euros en Cultura, Deportes, Educación e Igualdade; 35.637,35 euros en Servizos xerais ou 2.151,90 euros en Servizos Sociais, dos que case 1.800 euros foron axudas directas a familias como consecuencia desta crise. Tamén se abonaron 318.173,37 euros dos meses de xaneiro e marzo do SAF.
Neste senso, “axilizar o pago das facturas converteuse desde o primeiro momento nun obxectivo prioritario” para a entidade local, que foi anunciando diversas medidas económicas e sociais para “superar xuntos esta pandemia e que ninguén se vexa sen o apoio que pode brindar este Concello”, destacaron.