O Concello ampliará o parque infantil con xogos inclusivos e adaptados á normativa

As actuacións contemplan a renovación do pavimento de seguridade, a supresión de elementos de risco e a colocación de novos xogos homologados para todas as idades

Todas as nenas e nenos terán o seu espazo para o xogo, garantindo o lecer de pequenos con mobilidade reducida”

Vilalba, 26 de febreiro de 2020

O goberno de Vilalba vén de informar que ampliará o parque infantil situado na parte superior da Praza da Constitución, creando un espazo adaptado a todas as idades e necesidades de nenas e nenos. O obxectivo que se persegue é o de colocar xogos inclusivos e adaptar esta zona á normativa vixente en materia de parques infantís, ademais de renovar o pavimento e ampliar o espazo.

En concreto, o proxecto que anuncian hoxe desde o goberno local recolle a renovación e colocación de pavimento amortiguador de seguridade, a retirada e recolocación dos xogos infantís existentes, a supresión de elementos de risco e a colocación de novos xogos homologados. Tamén se contemplan bancos de madeira e un peche perimetral que impida a saída accidental dos pequenos e pequenas sen a vixiancia da persoa adulta a cargo.

É importante que se dispoñan xogos para todas as idades e circunstancias vitais, respectando as áreas de seguridade e adaptando os parques ás necesidades da infancia e das familias”, afirman desde o goberno, engadindo que “encargamos este proxecto porque seguimos a liña de xerar espazos pensando nas persoas e no desenvolvemento didáctico e creativo das nenas e nenos”.

PROXECTO:

AMPLIACIÓN E MELLORA DO PARQUE INFANTIL SITO NA PRAZA DA CONSTITUCIÓN_signed (3)