O CONCELLO AVANZA NA RENOVACIÓN INTEGRAL DO PARQUE DE ROSALÍA DE CASTRO

A actuación, financiada pola Deputación de Lugo dentro do convenio acadado pola Alcaldía, transformará por completo este espazo infantil do casco urbano

O Concello de Vilalba avanza na renovación integral do parque Rosalía de Castro, onde xa foron retirados os antigos elementos de xogo e o pavimento existente e se están a instalar os novos xogos que conformarán o renovado espazo infantil.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, visitaron o avance dos traballos para comprobar de primeira man o desenvolvemento dunha actuación que permitirá transformar por completo este punto de encontro para as familias vilalbesas.

Na actualidade xa se poden ver instalados algúns dos novos elementos de xogo e iniciáronse tamén os traballos de colocación do valado perimetral de madeira que delimitará o recinto, reforzando así a seguridade do espazo.

“Estamos falando dunha renovación real e profunda deste parque, non dunha simple reparación”, destacou a alcaldesa, Marta Rouco, quen subliñou que “a infancia merece espazos de lecer seguros e coidados, e este é o camiño que estamos a seguir”.

A intervención inclúe a creación dun novo parque infantil cun pavimento continuo de caucho de dobre capa, que se instalará en canto melloren as condicións meteorolóxicas. A superficie total será de arredor de 100 metros cadrados e contará cunha casiña de xogos e un xogo múltiple con tobogán, randeeira e redes.

A alcaldesa, Marta Rouco, lembrou que esta actuación está financiada pola Deputación de Lugo dentro do convenio acadado pola Alcaldía co ente provincial, grazas ao cal se están realizando diferentes melloras en infraestruturas municipais. “Este tipo de investimentos demostran que cando hai xestión e colaboración institucional, os proxectos saen adiante e repercuten directamente na calidade de vida da veciñanza”, afirmou.

A alcaldesa incidiu en que esta obra forma parte dun plan máis amplo de actualización dos parques infantís do municipio. “Hai poucas semanas completamos melloras no parque da rúa da Emigración e estamos a traballar tamén no novo parque previsto no Campo da Feira. Pouco a pouco transformamos os espazos públicos para que Vilalba sexa un concello máis amable, pensado para as familias e para o día a día das persoas”, concluíu.