– A sesión incluirá tamén a adxudicación do contrato de subministración eléctrica para as instalacións municipais
O Concello de Vilalba celebrará este xoves, 9 de abril, un pleno extraordinario no salón de plenos da Casa do Concello, a partir das 9:00 horas, no que se abordarán cuestións relevantes para a xestión municipal.
Entre os puntos da orde do día figura a aprobación, se procede, da cuestión de confianza vinculada ao proxecto de orzamentos para o exercicio 2026, tras a súa non aprobación inicial no pleno ordinario celebrado o pasado mes de marzo.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, sinala que “os orzamentos constitúen unha ferramenta fundamental para o funcionamento do Concello e para a planificación da actividade municipal ao longo do ano”.
Neste sentido, explica que “a cuestión de confianza é un mecanismo previsto na normativa que permite continuar coa tramitación do proxecto orzamentario dentro do procedemento establecido”.
No caso de que a cuestión de confianza sexa aprobada, o proxecto de orzamentos quedará aprobado inicialmente. No caso contrario, abrirase un prazo no que poderá formularse unha proposta alternativa de goberno, conforme ao establecido na lexislación vixente.
A sesión incluirá tamén a aprobación, se procede, da proposición de adxudicación do contrato de subministración de enerxía eléctrica para as dependencias e instalacións municipais, co obxectivo de garantir a prestación deste servizo en condicións axeitadas.
Con esta convocatoria, o Concello de Vilalba continúa coa súa planificación administrativa e coa tramitación dos instrumentos necesarios para o funcionamento ordinario dos servizos municipais.