– O persoal municipal colocou os postes, executou as bases de formigón e instalou 1.500 metros de cableado eléctrico, cun investimento de arredor de 15.000 euros, para a instalación de 12 cámaras de seguridade.
O Concello de Vilalba colaborou coa Asociación de Empresarios Sete Pontes na instalación de 12 cámaras de seguridade no polígono industrial, mediante a execución dos traballos necesarios para dotar os dispositivos da infraestrutura de soporte e da subministración eléctrica.
A actuación municipal, realizada polo persoal do Concello e cun investimento de fondos propios de arredor de 15.000 euros, incluíu a colocación dos postes, as correspondentes bases de formigón e a instalación de aproximadamente 1.500 metros de cableado eléctrico. Pola súa banda, a instalación das 12 cámaras foi realizada pola Asociación de Empresarios Sete Pontes.
O sistema distribúe seis cámaras nas entradas do parque empresarial e outras seis en distintos puntos do polígono, co obxectivo de reforzar a súa vixilancia.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, acompañada polos concelleiros Luis Fernández e Ignacio Criado, visitou hoxe as instalacións xunto ao presidente da Asociación de Empresarios Sete Pontes, Moisés Carballeira, para valorar a actuación e continuar traballando conxuntamente na mellora do parque empresarial.
Rouco destacou a importancia da colaboración entre o Concello e o tecido empresarial, “o polígono industrial é un espazo fundamental para a actividade económica e a creación de emprego en Vilalba. Desde o Concello colaboramos continuamente coa asociación de empresarios para atender as necesidades das empresas e contribuír a mellorar as condicións das instalacións”.
A rexedora tamén puxo en valor a cooperación entre ambas as entidades e os pasos previstos para avanzar na utilización do sistema, “a colaboración permite que cada parte contribúa desde as súas competencias e posibilidades. O Concello asumiu os traballos de colocación dos postes e do cableado, mentres que a asociación se encargou da instalación das cámaras”.
Unha vez que os dispositivos estean operativos, a Asociación de Empresarios Sete Pontes prevé asinar un convenio co Concello de Vilalba para a cesión das cámaras, de maneira que a Policía Local poida visualizar as imaxes. Este acordo permitirá establecer o marco de colaboración para o acceso ás imaxes por parte da Policía Local.
O Concello de Vilalba e a Asociación de Empresarios Sete Pontes continúan así traballando conxuntamente na mellora dun espazo estratéxico para a actividade económica do municipio.