O CONCELLO CONTINÚA SUMANDO ACTUACIÓNS PARA MELLORAR OS CAMIÑOS E ACCESOS DAS PARROQUIAS

– A alcaldesa, Marta Rouco, e o concelleiro Luis Fernández visitaron en A Frouxeira, Sancovade, a rexeneración integral dun vial de 250 metros realizada a través do parque móbil da Deputación

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o concelleiro Luis Fernández estiveron hoxe no barrio da Frouxeira, na parroquia de Sancovade, para comprobar o resultado dunha das actuacións realizadas a través do parque móbil da Deputación de Lugo, do que dispuxo o Concello de Vilalba.

A intervención consistiu na rexeneración integral dun vial duns 250 metros; sumándose ás diferentes intervencións realizadas na parroquia de Sancovade, que foi obxecto dun plan integral de actuacións para atender as necesidades dos seus viais e accesos.

O uso do parque móbil permitiu tamén desenvolver actuacións noutras parroquias do municipio, entre elas San Simón da Costa, Lanzós, Samarugo e Rioaveso, así como noutros puntos do rural vilalbés.

A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que o Concello está a aproveitar os recursos dispoñibles para “ir sumando actuacións e mellorando, pouco a pouco, os camiños e accesos das nosas parroquias”.

“Son moitos os quilómetros de pistas que precisan melloras e os recursos dispoñibles son limitados. Por iso, o traballo ten que avanzar de maneira progresiva, establecendo prioridades e aproveitando cada oportunidade para chegar ao maior número posible de puntos do rural”, sinalou.

Neste sentido, o goberno local subliña que o mantemento dos camiños rurais require unha planificación continuada, tendo en conta as necesidades existentes nas diferentes parroquias e os medios dos que dispón o Concello en cada momento.

“Cada quilómetro rexenerado é unha mellora para a veciñanza que utiliza estes accesos a diario”, engadiu Rouco, reafirmando o compromiso municipal de continuar traballando para mellorar as condicións dos camiños e accesos do rural vilalbés.