O CONCELLO CONVOCA AS AXUDAS PARA AS ACTIVIDADES DAS ASOCIACIÓNS SEN ÁNIMO DE LUCRO DE VILALBA

Vilalba, 1 de outubro de 2020. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Lugo recolle na súa edición de hoxe as bases para a convocatoria das subvencións do Concello de Vilalba destinadas ás actividades que desenvolven no municipio as asociacións e entidades sen ánimo de lucro.
En concreto, o concello destinará unha partida de 33.000 euros ás asociacións culturais (5.400 euros); educativas (1.800 euros); clubes deportivos (10.800 euros); asociacións de mulleres (3.600 euros); asociacións veciñais (9.600 euros); asociacións que traballan con colectivos específicos (600 euros), e outro tipo de asociacións (1.200 euros).
Nesta convocatoria, hai un cambio nos criterios de adxudicación e o concello terá moi en conta aspectos como a presenza de mulleres na xunta directiva das asociacións, o fomento de plans de igualdade e as actividades de fomento da convivencia e a igualdade de xénero, ademais doutros aspectos como o fomento da lingua galega ou a celebración de actividades no rural.
Os principios xerais aos que se suxeitarán os procedementos de outorgamento de subvención son os seguintes: publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, eficacia, eficiencia, voluntariedade e non vinculación para futuras subvencións. A concesión das subvencións previstas nas bases tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
O Concello de Vilalba quere dar con estas axudas apoio ás entidades sen ánimo de lucro e contribuír para que acaden o obxectivo de fomentar a participación da cidadanía en cada ámbito de actuación, promovendo desde xeito a democratización da sociedade.
Máis información e bases completas en:
http://www.deputacionlugo.gal/sites/deputacionlugo.org/files/inline-files/01-10-2020.pdf#page=17
 
BOP_2020_10_01_BASES_SUBVENCIÓNS_ASOCIACIÓNS_2020
ANEXOS_SOLICITUDE_SUBVENCIÓN_ASOCIACIÓNS_2020
ANEXOS_XUSTIFICACIÓN_SUBVENCIÓN_ASOCIACIÓNS_2020