O CONCELLO DE VILALBA ADXUDICA TRES PROXECTOS DE MELLORA DE VÍAS CUN INVESTIMENTO DE 159.000 EUROS NO RURAL E NO CASCO URBANO

O Concello de Vilalba anuncia a adxudicación das obras de mellora en vías localizadas en tres zonas do municipio. Os traballos supoñen un investimento de 159.000 euros e permitirán acondicionar vías na parroquia de Alba, nos núcleos de Len e Penarredonda na parroquia de Belesar e na rúa de Muras, no casco urbano.

Na parroquia de Alba acondicionaranse as vías que comunican os distintos núcleos de poboación entre si e coa estrada N-634. En total, acometeranse melloras nun trazado de 4,7 km, cun orzamento de 68.000 euros.

En todas as vías, procederase á limpeza e á apertura de noiros, á regularización e bacheo da vía, así como á renovación da capa de rozadura. Ademais, pavimentarase un vial que actualmente non tiña pavimento.

No caso da parroquia de Belesar, acondicionaranse dúas estradas de titularidade municipal que dan acceso aos núcleos de Len e Penarredonda. Neste caso, procederase á limpeza de noiros, á mellora do drenaxe e ao recargo e nivelación das capas base.

Tamén se realizará a pavimentación e a sinalización vertical das interseccións. En total, actuarase sobre unha superficie de 1,5 km cun investimento de 43.000 euros.

Estas vías localizadas na rural do municipio atópanse nun deteriorado estado de conservación, debido ao tráfico que soportan. Estas vías dan acceso a numerosas vivendas, ademais de soporta tráfico procedente das explotacións agrícolas e gandeiras.

Por último, adxudicáronse os traballos de mellora na rúa de Muras, unha das que maior tráfico soporta no casco urbano. A vía atópase actualmente nun estado moi deteriorado, ao que se suma que a capa base da vía é insuficiente para soportar o tráfico actual.

Para acondicionar a vía, realizaranse traballos para colocar un firme, cuxo espesor maior permita reverter as eivas do actual.

“Dende o Goberno local seguimos mellorando con estas obras a seguridade viaria tanto no rural como na zona urbana do municipio. Tras a adxudicación destes proxectos, poderemos comezar as obras proximamente”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.