O CONCELLO DE VILALBA ANIMA Á PARTICIPACIÓN NUNHA NOVA EDICIÓN DO “TECENDO REDES”

O Concello de Vilalba confirma o “Tecendo Redes 2022”, tras o éxito da edición do ano pasado na que se elaborou un toldo feito a ganchillo que decorou as rúas da vila.

“Foron moitas as persoas que continuaron co ganchillo a nivel asociativo e particular, polo que entregaremos un ano máis o material preciso para que este proxecto colaborativo medre”, afirman desde o concello. Tanto o fío como os aros poden recollerse por aquelas persoas interesadas de luns a venres no propio Concello de Vilalba, en horario de 10:00 a 13:00. Fóra dese horario, poderase escribir por WhatsApp ao teléfono 639946307, para recoller o material.

A iniciativa consiste en elaborar toldos a partir dos aros feitos a ganchillo polas persoas participantes, unindo as diferentes pezas confeccionadas.
Este ano ademais, o Concello de Vilalba busca ampliar as rúas nas que se instalarán os toldos, que decorarán o municipio durante o verán.

Na edición de 2021, aproximadamente cen persoas participaron nesta iniciativa. Dende o goberno local, búscase que “Tecendo Redes 2022” repita a boa acollida e o seu éxito entre a cidadanía.

A iniciativa naceu a partir dunha proposta a distintas asociacións de Vilalba, como as de Insua, Nete, Santaballa ou a Asociación Amizade; ás que se sumaron persoas de todo o municipio e mesmo doutros puntos da provincia.