O Concello de Vilalba anuncia as datas para a recollida de plásticos agrícolas en parroquias

O goberno indica que se poderán depositar os plásticos nos puntos habilitados desde o 17 ata o 29 de febreiro, procedéndose posteriormente á recollida
Desde o Concello facilitarán ás asociacións a progresiva construción de puntos de acopio para regularizar a recollida destes residuos
 
Vilalba, 12 de febreiro de 2020
O goberno local vén de anunciar as datas de recollida de plásticos agrícolas nos puntos habituais das parroquias do Concello. Desde o 17 ao 29 de febreiro deberanse depositar os plásticos de silo nos puntos habituais para proceder á súa recollida. Fóra destas datas, quedará totalmente prohibido.
“Chamamos á concienciación e ao respecto da veciñanza para reducir o impacto medio ambiental”, subliñou o tenente de alcalde, Rodrigo Pavón. Neste senso, lembrou que os residuos plásticos agrícolas orixinan problemas medio ambientais se  non son tratados ou almacenados axeitadamente ou  se queiman de forma incontrolada. “Queremos previr e erradicar todo tipo de contaminación, así como o impacto negativo que produce na zona rural co obxectivo de manter as parroquias limpas”, destacou.
Ademais, desde o Concello puxeron de manifesto que facilitarán ás distintas asociacións e entidades a progresiva construción de puntos de acopio para regularizar zonas delimitadas onde depositar estes residuos. Tal é o caso do recente espazo situado na parroquia de San Lourenzo de Árbol, que xa se porá en funcionamento nesta recollida do mes de febreiro.