O CONCELLO DE VILALBA ANUNCIA O INICIO DA ELABORACIÓN DO MURAL DEDICADO A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Esta mañá, o artista Mon Devane comezou a pintar o novo mural do Concello de Vilalba. Esta peza artística estará dedicada ao escritor vilalbés Agustín Fernández Paz, co obxectivo de render homenaxe á súa figura a través da arte urbana. O concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández, e a concelleira de Xuventude, Antía Rama, acompañaron ao artista urbano no inicio do seu traballo.

O novo mural, situado na avenida Terra Chá, súmanse aos catro que xa embelecen o casco urbano de Vilalba, na piscina municipal, de Iria Fafián; na rúa Carmiña Prieto Rouco, de Pablo Lage (Van-Kraft); na rúa do Cotarón, de Miguel Peralta (Cestola na Cachola); e na travesía dos Castros, de Lula Goce.

“Neste proxecto conxugamos dous obxectivos: embelecer a nosa vila mediante a arte urbana e dar visibilidade á traxectoria do vilalbés Agustín Fernández Paz, referente na nosa literatura”, subliña Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.

O traballo artístico de Mon Devane baséase na utilización do spray como principal ferramenta. O seu percorrido inclúe un gran número de eventos e festivais de arte urbana en todo o mundo.

“Debemos compartir o legado de Agustín Fernández Paz coa cidadanía e sobre todo entre o público infantil e xuvenil. Por iso este tipo de accións permítenos conectar a literatura do escritor coa arte e a mocidade”, subliña a concelleira de Xuventude, Antía Rama.