O CONCELLO DE VILALBA CONCLÚE A REPARACIÓN DO CÉSPEDE NO ESTADIO MUNICIPAL DA MADALENA

O goberno local anunciou ademais novos investimentos no campo do Racing Club Vilalbés que suporán melloras na taquilla, a creación dunha sala de prensa e dun ximnasio a disposición do equipo

O Concello de Vilalba informa de que recentemente se deron por concluídas as obras de mellora e reparación no céspede do terreo de xogo do estadio municipal A Madalena, feudo do Racing Club Vilalbés.

O investimento, que superou os 5.500 euros, supuxo o levantamento de diversas seccións do céspede que se atopaban en mal estado e a consecuente substitución por outras novas, que foron integradas no terreo de xogo e “permitirán ao Racing Club Vilalbés xogar en condicións máis óptimas e favorables tanto para eles como para os equipos visitantes”, explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

Ademais, a rexedora vilalbesa tamén aproveitou a ocasión para anunciar novos investimentos nas instalacións do estadio municipal A Madalena por un importe de aproximadamente 30.000 euros. Segundo sinalou Rouco, “as melloras realizaranse na zona de venta de entradas e acceso do público” e completaranse co “acondicionamento dunha sala de prensa para que os equipos poidan atender aos medios de comunicación e dun ximnasio no que os xogadores e o equipo técnico poderán desenvolver os seus adestramentos”.

Ditas obras estarán incluídas no Plan Único de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo e sumaranse a outros importantes investimentos nos que o goberno local traballa e que anunciará nos vindeiros días.