O Concello de Vilalba dará cobertura económica ás familias que máis o precisan

O Real Decreto de medidas urxentes para facer fronte ao impacto do coronavirus contempla a posibilidade de que as entidades locais destinen axudas a Servizos Sociais e promoción social
A acción do goberno local sitúa en primeiro termo a atención ás familias e persoas máis vulnerables, así como a dotación de recursos para minorar os efectos económicos e sociais desta crise
 
Vilalba, 18 de marzo de 2020
 
O Concello de Vilalba vén de anunciar que cubrirá as necesidades económicas das persoas e familias que máis o precisan canalizadas pola vía dos Servizos Sociais e promoción social, ao abeiro do Real Decreto-lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19. Esta modificación urxente do presuposto local garantirá a protección das persoas e familias que o precisen, dispoñendo de fondos de maneira inmediata tras o decreto publicado polo Executivo do estado.
 
O equipo de goberno vilalbés pon en marcha esta medida “pensando nas veciñas e veciños que máis van sufrir as consecuencias derivadas do estado de alarma no que nos atopamos”, de modo que poidan seguir asumindo “distintos pagos como o das facturas da luz e do gas, por exemplo, poñéndose en contacto cos Servizos Sociais”. Subliñan que “a situación de excepcionalidade require tamén de accións concretas que contribúan a paliar as dificultades dos que máis o precisan, non deixaremos que ninguén quede atrás”.
 
Nesta liña, lembran que o Concello habilitou un servizo de atención a persoas maiores que viven soas ou se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade, ofrecendo a posibilidade de achegarlles aos seus domicilios medicación ou alimentos de primeira necesidade. Poderán chamar de luns a venres en horario de 9 a 14 ao número de Servizos Sociais: 982 523 032, e fóra deste horario ao de Emerxencias: 659 494 969. Ademais, desde o Concello farase un seguimento das persoas que viven soas.
 
Por outra banda, o goberno municipal adianta que están a estudar a posibilidade de habilitar unha partida para pequenas e medianas empresas da localidade, á espera das decisións que se tomen desde o goberno central nesta materia.