Consiste nun plan de asesoramento individualizado ás empresas do sector con estratexias para facer fronte ao período post-Covid
O goberno local desenvolverá o plan para tratar de minimizar o impacto económico desta crise facilitando ferramentas para unha recuperación a curto prazo dentro do ámbito das súas competencias
Vilalba, 17 de abril de 2020
O Concello de Vilalba pon sobre a mesa a necesidade de aplicar un plan de dinamización do tecido económico de Vilalba para afrontar a crise derivada da epidemia do COVID-19. O proxecto que están a estudar desde o goberno local está orientado a mellorar a competitividade das empresas mediante a realización dunha diagnose de situación, a capacitación e o apoio a promocións e comercialización de produtos e servizos.
Neste marco, o equipo de goberno porá en marcha medidas que “apoien a reconstrución económica para paliar e solventar as consecuencias do coronavirus”, afirman, a través dunha estratexia que permita reforzar e relanzar o tecido económico “cunha especial atención aos pequenos produtores e subministradores de produtos de proximidade e mercados”.
Este sector vese especialmente afectado pola situación actual, de xeito que o Concello deseñará este plan co obxectivo de desenvolver accións encamiñadas a facer menos complexa a situación actual e dotar de ferramentas ás empresas, negocios, comercios, etc. para afrontar o período “post-Covid”.
A mellora da competitividade basearase nun asesoramento individualizado para a adecuación dos produtos ao público obxectivo, incremento da eficiencia dos procesos produtivos e eficacia dos sistemas de control e xestión empregados, así como a mellora na comercialización e a ampliación do mercado grazas ás estratexias de promoción e comercialización implantadas.
O goberno local prevé avanzar neste proxecto as vindeiras semanas “porque así o require a situación, pois coñecemos a dificultade que están a atravesar moitas das empresas e familias de Vilalba”, aseguran, garantindo que “traballaremos para tratar de minimizar o impacto da crise desde as nosas competencias na materia e remando todos na mesma dirección”.