O CONCELLO DE VILALBA FALARÁ COAS FAMILIAS A POSIBILIDADE DE AMPLIACIÓN DE PRAZAS NO COMEDOR DA ESCOLA DE EDUCACIÓN INFANTIL POSTO EN MARCHA POLO GOBERNO LOCAL

O Concello de Vilalba reunirase este xoves, 9 de marzo, ás 19:00 horas na Casa da Cultura coas familias que están a realizar as prematrículas na Escola de Educación Infantil de Vilalba e que solicitan praza no comedor do centro.

O servizo de comedor, posto en marcha polo goberno local hai dous cursos escolares, iniciouse a petición do centro de ensino con 45 prazas. Desde aquel momento, o Concello estivo en permanente contacto coa Escola Infantil, sendo coñecedores de que na actualidade a demanda está a aumentar.

Ante esta nova situación, xa se trasladou ao equipo directivo en recentes datas que se están a estudar todas as posibilidades, e agora desde o goberno local queren manter unha reunión cos pais e nais para que coñezan os avances trazados ante esta problemática e acordar unha solución.

“Existe un convenio coa Xunta de Galicia, sobre a que recae a competencia de Educación, polo cal financia unha parte destas prazas de comedor, servizo co financiado e xestionado polo Concello de Vilalba”, aclaran desde o goberno, engadindo que “tivemos que falar coa Xunta para abordar esta nova situación e tratar a posibilidade dun novo convenio, estudando a posteriori a aportación municipal, que a día de hoxe constitúe a meirande parte do servizo”.

Neste punto, “temos unha aproximación das prazas que se poden precisar, pero aínda estamos en período de prematrícula”.

Desde o Concello de Vilalba amósanse unha vez máis dispostos a escoitar de primeira man as necesidades das familias, “pois a forma máis acaída de chegar a acordos é falando e explicando a situación e os distintos trámites que se deben facer”, enviando unha mensaxe de “tranquilidade” e poñendo por diante o diálogo entre as partes, “fóra de ruídos que o único que pretenden é sacar rédito político e non solucións”.