O CONCELLO DE VILALBA IMPULSA TRABALLOS DE MELLORA DE VÍAS EN SEIS PARROQUIAS DA ZONA RURAL

O Concello de Vilalba realizará traballos de mantemento e mellora en varias vías de titularidade municipal en seis parroquias do rural do municipio. As obras dan así resposta a unha demanda veciñal, que trasladaran os pedáneos das distintas parroquias.

Dunha banda, melloraranse os accesos a parcelas agrícolas nas parroquias de Nete, Insua e A Torre. Concretamente, trátase da vía de acceso ao Caxigal dende a estrada a LU-541, en Nete, e do vial que dá acceso a Marcelle dende a estrada provincial LU-P-6506, atravesando Insua e A Torre.

Doutra banda, tamén se acometerán melloras nas vías das parroquias de Corvelle, Alba e Codesido. Neste caso os traballos realizaranse nos accesos ó Foxo dende o núcleo de Sar, en Corvelle; na vía de acceso á Louseira, en Alba; e no acceso a Rebordelo, en Codesido.

Para estas obras de mellora, proponse realizar nestas vías a limpeza de noiros, a rexeneración da capa de rodadura e colocar a sinalización que corresponda. Os proxectos están actualmente en fase de licitación, polo que as empresas interesadas teñen de prazo ata o 7 de setembro para presentar ofertas.

“Vilalba ten unha gran densidade de vías deste tipo, polo que realizamos un importante esforzo asegurando o mantemento de toda a rede municipal. Ademais, estas obras permitirannos investir en 6 das nosas parroquias do rural”, sinala Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas do Concello de Vilalba.

Estes viais soportan un importante fluxo de tráfico rodado, tanto por parte da cidadanía como dos traballos relacionados coas explotacións agrícolas. Ademais, estas vías supoñen nalgúns casos un elemento vertebrador da comunicación entre os distintos barrios que atravesan.

As obras implican un investimento de 158.737 euros que permitirán realizar o mantemento de 8 quilómetros de vía. Unha vez estean adxudicadas as obras, o prazo para realizalas serán de 1 mes.