O CONCELLO DE VILALBA INFORMA DO COMEZO DAS OBRAS PARA RENOVAR O VIAL DE ACCESO AO NÚCLEO DE BIDUEIROS, NA PARROQUIA DE GOIRIZ

A actuación no tramo, que forma parte do Camiño de Santiago, enmárcase dentro do acordo entre o grupo de goberno e Vilalba Aberta

O Concello de Vilalba informa aos seus veciños e veciñas do comezo das obras de renovación do vial municipal que comunica o acceso Este do polígono industrial de Vilalba co núcleo de Bidueiros e remata no vial municipal 065_092, na parroquia de Goiriz.

Trátase dun vial moi utilizado por veciños e viaxeiros, debido a que forma parte do percorrido do Camiño de Santiago no tramo que comunica as vilas de Abadín e Vilalba.

Por este motivo, ademais do proxecto foi necesaria a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para realizar a actuación.

Os traballos se realizarán con fondos do concello, sen ningunha aportación da Xunta. A actuación enmárcase no acordo entre o grupo de goberno e Vilalba Aberta.

Este vial exerce una labor vertebradora de relevancia para os veciños do núcleo de Bidueiros, ao comunicalos coa capital municipal e o parque empresarial mais importante da contorna. A súa lonxitude total ascende a 960 metros, con ancho medio afirmado de 4.10 metros.

O paso do tempo e o intenso uso provocaron o seu deterioro, existindo zonas que sofren deformacións lonxitudinais e puntos onde o pavimento desapareceu, asomando as gravas das capas base.

“É por este motivo polo cal resultaba urxente a actuación sobre o vial, posto que a falta de capas superficiais de pavimento dificultaban o tráfico de vehículos e peóns, incrementando o risco de caídas ou accidentes”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.

Cun orzamento de 25.000 euros, os traballos servirán para a renovación do pavimento existente na estrada, mantendo a súa tipoloxía pero mellorando a súa regularidade e acabado superficial cos mesmos materiais e técnicas construtivas de orixe. Desta maneira, a estrada conserva as súas características orixinais e prolonga a súa vida útil.