O CONCELLO DE VILALBA PECHOU ESTE SÁBADO O OBRADOIRO “COLLEITA DE LEMBRANZAS” ORGANIZADO PARA AS MULLERES DE SANTABALLA

O Concello de Vilalba rematou este sábado, 11 de febreiro, o obradoiro “Colleita de Lembrazas” organizado para mulleres da parroquia de Santaballa.

O taller, impartido pola axente de Igualdade do concello, dividiuse en tres sesións que se levaron a cabo dende o sábado 28 de xaneiro de 11.00 a 13.00 horas.

No primeiro encontro manexáronse as aplicacións máis útiles no caso das traballadoras para o contacto coa administración pública. Accións como obter un certificado dixital, pedir unha cita médica ao Sergas a través da súa aplicación, acceder a un informe médico ou descargar a vida laboral foron tamén algúns dos contidos desta sesión.

Na segunda sesión, as participantes compartiron as súas vivencias dende nenas na parroquia, lembrando como eran os traballos e saberes das mulleres. Púxose en valor todo o vivido e aprendido dando así visibilidade e subliñando a importancia que tiveron para soster as familias, pero tamén aos territorios.

Na última reunión do obradoiro “Colleita de Lembrazas”, a homenaxe foi ás mulleres referentes que formaron ou forman parte da súa vida. Recolleuse por escrito todo o aprendido e reflexionouse sobre a importancia de conservar na memoria o papel da muller nas contornas rurais.

O Concello de Vilalba agradece tanto a participación como a implicación das mulleres que acudiron a este obradoiro e anuncia que continuará con máis propostas noutras parroquias.