O CONCELLO DE VILALBA PRESENTA A SÚA PROGRAMACIÓN DE NADAL, CUNHA VARIADA OFERTA LÚDICA, CULTURAL E FESTIVA PARA TODAS AS IDADES

O acto de acendido das luces e a inauguración do poboado de Nadal será este luns, 6 de decembro

O Concello de Vilalba presentou esta mañá a súa programación de Nadal, cunha variada oferta lúdica, cultural e festiva para todas as idades que se prolongará durante máis dun mes.

Na presentación participaron a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; e as concelleiras de Cultura, Vanesa Siso; Mocidade e Infancía, Antía Rama, e Comercio, Marta Rouco.

O acto de acendido das luces e a inauguración do poboado de Nadal será este luns, 6 de decembro, ás 18:30 horas na praza do Concello. Para a próxima semana está previsto o concerto de corais o 10 de decembro, a proxección da película ‘Outros Camiños’ o sábado 11 (con coloquio co director, Rubén Riós), e a obra de teatro ‘O Charco de Ulises’, o domingo día 12, a cargo do Centro Dramático Galego.

“Quixemos traer espectáculos culturais de todo tipo, desde música a ballet ou teatro e maxia, tendo en conta ademais que nun tempo como o Nadal predomina o público familiar”, asegurou Vanesa Siso.

“As familias e sobre todo os máis pequenos e pequenas deben ser as protagonistas, recuperando a maxia do Nadal despois dun ano complicado pola pandemia”, apuntou Antía Rama.

O día 18 chegará a quenda do musical Naviland e o 21 a tradicional Feira do Capón na praza da Constitución, con showcooking e postos con outros produtos da zona. “Iremos desgranando polo miúdo todas as citas deste Nadal, especialmente a Feira do Capón que recuperamos despois da suspensión da última edición por mor da pandemia”, explicou Rama.

Neste senso, lembraron que aínda non remataron os prazos de inscrición nin para o concurso de debuxos do capón (9 de decembro) nin para o de decoración de nadal (17 de decembro).

Ademais “o programa de Nadal inclúe outras iniciativas de promoción do comercio local, como o concurso de escaparates”, engadiu Marta Rouco, que ten o prazo de inscrición aberto ata o día 13 de decembro.

O día 24, Papa Noel será o protagonista dun pasarrúas, o 27 de decembro o Ballet Nacional de Moldavia trae a Vilalba ‘O Lago dos Cisnes’ e o día 31 se celebrará a V Carreira-Andaina de San Silvestre.

O 5 de xaneiro, a Cabalgata de Reis fará un percorrido polo casco urbano e as parroquias, como o ano pasado, e o 7 de xuño o auditorio acolllerá ‘The Magicians’, un show internacional de maxia.

PROGRAMACIÓN COMPLETA NO CARTEL ADXUNTO