O Concello de Vilalba propón unha homenaxe pública á matrona Concha da Reina, pola que pasaron tres xeracións de vilalbesas e vilalbeses

O goberno local considera que a primeira comadroa titulada da comarca merece un recoñecemento por parte das institucións, tal e como se leva reivindicando moitos anos
O pleno do xoves debatirá tamén a proposta dunha distinción honorífica para o poeta Manuel María
Vilalba, 28 de xullo de 2020. Vilalba ten unha débeda pendente coa súa memoria. Así o trasladará de novo este xoves o goberno local no pleno municipal, onde solicitará unha homenaxe pública á matrona pola que pasaron tres xeracións de vilalbesas e vilalbeses, Concha da Reina.
Esta vilalbesa nacida a comezos do século XX foi a primeira comadroa titulada da capital chairega, unha recoñecida e apreciada profesional que o Concello de Vilalba quere lembrar e poñer de relevo na historia da localidade. No pleno, se falará tamén da designación da Casa da Cultura co nome do poeta Manuel María.
Con respecto a Concha da Reina, foron moitos os persoeiros que resaltaron a súa figura “como unha muller dedicada e entregada a outras mulleres e ás súas crianzas nun momento tan especial como o nacemento, incluso chegando a denominala como o anxo da garda das mulleres”, comentan desde o Concello.
Agora, moitos anos despois e tras diversas peticións de persoas con arraigamento na vila, “o que xa supón un clamor social evidente”, o goberno vilalbés proporá realizar “unha homenaxe a través dunha escultura simbólica do seu labor e profesión que se podería situar no parque infantil da gardería municipal, un espazo que recolle e alberga a importancia dunha vida dedicada á infancia e ás familias, especialmente ás mulleres”.
Este recoñecemento “estaba pendente despois de manter varias conversas con membros da familia de Concepción Braña y Rey, o seu nome oficial, así como con persoas moi vinculadas á súa familia, cuestión que se atopaba paralizada por mor da pandemia”. Agora, consideran, “é o momento de retomar este asunto para outorgar un recoñecemento xusto e compartido pola sociedade vilalbesa”.
Tanto no caso de Concha da Reina como de Manuel María, o expediente para a distinción iniciouse por un decreto de alcaldía, ao que se achegou un informe e unha proposta de resolución que os grupos da oposición teñen á súa disposición. Para que saia adiante, deben votar a favor dous terzos da corporación.
No caso de Manuel María, o inicio do expediente deriva dun compromiso adquirido polo goberno na última sesión plenaria. As dúas distincións se votarán no pleno despois do correspondente expediente e das tramitacións oportunas recollidas no Regulamento Especial de Honras, Distincións e Protocolo Cerimonial do Concello de Vilalba.