A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, recibiu na mañá deste martes a visita do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, quen se achegou ata a capital chairega para presentar a nova liña de axudas por valor de 25 millóns de euros do Ministerio de Transición Ecolóxica e das que Vilalba poderá beneficiarse por ser un concello ubicado nunha zona afectada pola transición enerxética.
“Esperamos que Vilalba poida obter estas axudas, o que será unha moi boa nova para o noso Concello, así como para os vilalbeses e vilalbesas”, manifestou Marta Rouco en referencia a un orzamento que permitirá a rehabilitación e transformación para novos usos de bens, espazos e terreos de titularidade pública que reforcen o compoñente social, medioambiental e dixital ou axuden á creación doutros novos.
Segundo o delegado do Goberno, Pedro Blanco, unhas subvencións que “acreditan o compromiso do Goberno de España cos concellos rurais e que se ven afectados por aquelas decisións orientadas cara a mellora do medio ambiente”, como no caso de Vilalba é o peche da central térmica das Pontes.
Así mesmo, a alcaldesa de Vilalba e o delegado do goberno en Galicia, acompañados dos concelleiros Eduardo Vidal e Luis Fernández, aproveitaron para visitar a fonte ubicada no baixo do antigo matadoiro de Vilalba. Un manancial que o Concello quere recuperar para poñer en valor o Camiño de Santiago ao seu paso por Vilalba e que sería susceptible de concorrer a estas axudas do Ministerio de Transición Ecolóxica.
Durante esta xuntanza tamén se repasaron outros proxectos que se están a levar a cabo en Vilalba, como a peatonalización do casco urbano, a rehabilitación do Parador ou a posta marcha dun tanque de tormentas, entre outras.
En referencia a este último investimento do Goberno de España en Vilalba por un valor de máis de 1.700.000 euros Marta Rouco aproveitou para “agradecer o apoio que nos prestan sempre dende o Goberno que neste caso nos permitirá solucionar problemas importantes que sufriamos en Vilalba referentes aos vertidos ao río”.