O CONCELLO DE VILALBA RENOVA O VIAL PRINCIPAL DA PARROQUIA DE NETE PARA MELLORAR O TRÁFICO E A SEGURIDADE

O Concello de Vilalba renova estes días un vial de titularidade municipal que da acceso a vivendas e parcelas agrícolas na parroquia de Nete, mediante a limpeza de noiros, a rexeneración da capa de rodadura e a colocación de sinais verticais.

As obras son no vial principal da parroquia, que parte dende a estrada autonómica LU-541 (P.K. 12+430) e atravesa os núcleos de O Caxigal e O Raño, ata rematar na estrada municipal 065_012, preto do núcleo de Doade. Ten un percorrido de case catro quilómetros.

“Damos resposta ás demandas veciñais, xa que é un tramo moi utilizado e deteriorado no que era necesario actuar”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba, que hoxe supervisou os traballos co concelleiro de Medio Ambiente, Ignacio Criado Montenegro.

Os traballos forman parte dun investimento conxunto de 800.000 euros que se destinará ás parroquias de Vilalba nos próximos meses para actuacións de mellora do pavimento dos viais, como as que se realizaron recentemente nos núcleos de Orbazán e Lagüela (Goiriz).