A alcaldesa, Marta Rouco, destaca que “queremos que formar unha familia en Vilalba sexa máis doado e que ningunha etapa educativa quede sen apoio por parte da administración local”
O Concello de Vilalba vén de publicar as bases reguladoras para a concesión das axudas destinadas á adquisición de material escolar para o alumnado de Educación Infantil (3 a 6 anos) correspondentes ao curso 2026-2027.
Unha convocatoria á que o goberno municipal destina 12.000 euros co obxectivo de apoiar ás familias vilalbesas nunha etapa educativa na que actualmente non existe ningunha liña de axudas para material escolar por parte doutras administracións públicas.
Así, esta liña de axudas responde á demanda detectada polos Servizos Sociais municipais, que puxeron de manifesto a necesidade de impulsar unha medida específica para aliviar o esforzo económico que supón o inicio do curso para moitas familias con fillos e fillas nesta etapa educativa.
As axudas poderán alcanzar os 75 ou os 100 euros, en función da renda per cápita anual da unidade familiar.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “un Concello tamén ten que saber detectar aquelas necesidades ás que outras administracións non están chegando. No caso da Educación Infantil existía un baleiro evidente e consideramos que era a nosa responsabilidade dar unha resposta ás familias”.
Rouco subliñou que “queremos que Vilalba sexa un lugar no que as persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida con garantías. Iso tamén significa apoiar ás familias desde as primeiras etapas educativas dos seus fillos e fillas e acompañalas nun momento no que os gastos derivados do inicio do curso son especialmente importantes”.
A rexedora engadiu que “estas axudas forman parte dunha liña de traballo máis ampla coa que o goberno municipal está reforzando as políticas de conciliación e apoio ás familias, con medidas como a ampliación do servizo de madrugadores, o comedor da Escola Infantil, o programa Concilia na Tarde ou os campamentos municipais”.
As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica, onde o procedemento xa está habilitado entre os trámites destacados da páxina principal, dende hoxe ata o venres 17 de xullo.
Desde o Concello animan ás familias que cumpran os requisitos a solicitar estas axudas, reafirmando o compromiso do goberno municipal cunha Vilalba que siga sendo un lugar atractivo para vivir, formar unha familia e desenvolver un proxecto de vida.