O CONCELLO DESTINARÁ 350.000 EUROS A AXUDAS PARA AUTÓNOMOS E EMPRESAS AFECTADOS POLA PANDEMIA

Esta medida, encadrada no acordo político entre o Grupo de Goberno do Partido Socialista e o Grupo Municipal de Vilalba Aberta, pretende paliar os efectos dos peches durante a crise sanitaria na economía do municipio

O Concello de Vilalba informa da publicación das bases das axudas para autónomos e empresas afectados polo peche obrigatorio das súas actividades debido á COVID-19. As bases recóllense no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Lugo de hoxe, xoves 28 de outubro de 2021. 

Esta liña de axudas diríxese a aquelas empresas ou autónomos/as do municipio que tiveron que pechar os seus establecementos nalgún momento dende que se declarou o Estado de Alarma de marzo de 2020 ou outras medidas restritivas posteriores aplicadas dende o Estado ou pola Comunidade Autónoma para xestionar a crise sanitaria. 

O Concello de Vilalba pretende con estas axudas protexer e apoiar ao tecido produtivo e social do municipio, atenuando así as consecuencias negativas do peche de negocios e da implícita baixada de ingresos neste período, dando pulo á recuperación económica.

En total, o concello de Vilalba destinará 350.000 euros a esta liña de axudas. Establécense varios grupos beneficiarios destas axudas, en función do tipo de negocio, cuxos importes son de 850, 1.300, 2.000 e 5.000 euros. 

Poderán percibir estas axudas as empresas ou autónomos/as cuxas actividades estivesen afectadas polas restricións sanitarias, detallándose este requisito no Anexo I da convocatoria. A súa facturación anual non pode superar os 500.000 euros, agás nos negocios de hostalaría que superen os 10 empregados. No caso dos autónomos/as, deberán estar afiliados como tal dende, como máximo, 8 meses despois do 14 marzo de 2021, e continuar de alta na actualidade. Tanto o domicilio fiscal como o centro de traballo deben estar ubicados en Vilalba.  

O modelo de solicitude destas axudas está dispoñible na web www.vilalba.gal, debendo presentarse a través da Sede Electrónica do Concello de Vilalba. O prazo para solicitar estas axudas rematará 20 días despois da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, é dicir, o mércores 17 de novembro de 2021. 

Estas axudas resolveranse por orde de rexistro de entrada, sempre e cando o solicitante cumpra cos requisitos da convocatoria. As bases completas están dispoñibles no BOP do 28/10/2021:

http://deputacionlugo.gal/sites/deputacionlugo.org/files/inline-files/28-10-2021.pdf#page=17