O CONCELLO E A ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DO CAMPO SAN XOÁN PRESENTAN A PROGRAMACIÓN DO SAN XOÁN 2025

A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Cultura, Mónica González, presentaron na tarde de onte a programación de actividades para celebrar o San Xoán 2025, organizada pola Asociación Cultural de Veciños do Campo de San Xoán coa colaboración do Concello.

Así, na presentación tamén estiveron presentes as representantes da asociación veciñal: Isabel Pardo, vogal, e Eva Quiroga, secretaria da asociación; quen salientaron que con esta cita buscan “manter a tradición tan bonita que tiñan na Praza de San Xoán os veciños de sempre e mesturala cunha oferta cultural distinta”.

Nesa liña, a programación comezará xa na tarde de hoxe ás 18 horas cun roteiro de identificación das herbas de San Xoán totalmente gratuíto e impartido por Eva Quiroga. Unha vez rematado, os participantes e os veciños que queiran sumarse decorarán a fonte da Praza de San Xoán coas herbas típicas desta cita.

Pola súa banda, o groso da programación concentrarase no luns, 23 de xuño, comezando as actividades ás 18 horas cun obradoiro de encadernación, tamén de balde. “O noso obxectivo é darlle un toque artístico, cultural, á vez que ofrecemos un espazo de festa e de reunión”, afirmou a vogal da Asociación Cultural de Veciños do Campo de San Xoán, Isabel Pardo.

Ademais, a velada contará tamén con animación musical a cargo de dous grupos: Kreze, unha formación renovadora que mestura o son onírico e o folk e que actuará ás 20:00, e Voodoo Mantra, unha formación de Allariz, que se centra no estilo stoner rock e ofrecerá o seu concerto ás 22:00.

Por suposto, tampouco faltará a cea para os socios e socias da asociación e unha foliada aberta que comezará ás 21:00 horas para finalmente dar paso ao acendido da cacharela da man da Escola Municipal de Teatro, quen amenizará e dramatizará o acendido coa presenza das meigas.

“O importante de celebrar aquí esta festa, na Praza de San Xoán, é dinamizar este recuncho de Vilalba, recuperando a tradición que con tanto mimo se facía fai anos. Sempre que preparas os actos con ilusión, saen ben”, conclúen dende a asociación organizadora.