A empresa con sede en Vilalba reafirma por terceiro ano consecutivo a súa colaboración co Concello patrocinando a programación infantil das festas, así como as actividades do Samaín e parte da programación de Nadal.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, presentaron hoxe, xunto a Roberto Cabezas, director de Persoas e Comunicación do Grupo Entrepinares, e Isabel Álvarez, directora do complexo industrial de Entrepinares en Vilalba, a programación dos días infantís das festas de San Ramón e Santa María, que se celebrarán os días 2 e 3 de setembro na Praza da Constitución.
A presentación serviu tamén para confirmar a renovación, por terceiro ano consecutivo, do acordo de colaboración entre o Concello de Vilalba e o Grupo Entrepinares.
A empresa vallisoletana con sede en Vilalba volverá asumir o patrocinio dos días infantís das festas patronais e colaborará, ademais, coas actividades do Samaín e con diferentes propostas da programación municipal de Nadal, consolidando unha alianza que permite seguir ampliando a oferta de lecer destinada á infancia e ás familias.
A programación arrancará o mércores 2 de setembro, con actividades gratuítas entre as 12:00 e as 14:00 horas e as 16:00 e as 20:00 horas. Durante a primeira xornada haberá inchables para todas as idades, Rokomonte, Shotter Gallery, un toro mecánico/simulador de surf e catro funcións do espectáculo “O Mago Antón: 50 anos de maxia”, previstas para as 13:00, 17:00, 18:30 e 20:00 horas.
O xoves 3 de setembro será a quenda do Parque Acuático Tropical, os inchables acuático-terrestres Tripletobogán, Rampa Aqua Red Wave e Mundo Marino, ademais da tradicional Festa da Escuma, condicionada ás condicións meteorolóxicas. Todas as actividades desenvolveranse tamén entre as 12:00 e as 14:00 horas e as 16:00 e as 20:00 horas, na Praza da Constitución.
Como complemento á programación, o Grupo Entrepinares ofrecerá durante ambas xornadas unha merenda gratuíta para todos os nenos e nenas asistentes, consistente en snacks de queixo.
A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que “é unha satisfacción volver presentar esta programación da man dun socio que leva tres anos demostrando o seu compromiso con Vilalba. Esta colaboración permítenos seguir ofrecendo actividades gratuítas e de gran calidade para as familias, reforzando unha programación infantil que xa é unha referencia durante as nosas festas e que se estende tamén a outras épocas do ano como o Samaín e o Nadal.”
Pola súa banda, a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, sinalou que “queremos que os nenos e nenas vivan as festas con propostas pensadas especialmente para eles. Deseñamos dúas xornadas moi completas, con actividades variadas para diferentes idades e cun espectáculo tan especial como o do Mago Antón, para que as familias poidan desfrutar xuntas destes días tan importantes para Vilalba.”
“Para Entrepinares, Vilalba es mucho más que un lugar donde desarrollamos nuestra actividad industrial. Es una comunidad de la que formamos parte, donde trabajan más de 500 personas y donde queremos seguir contribuyendo al desarrollo de las familias. Colaborar con iniciativas como los Días Infantiles de las fiestas patronales es una manera de devolver a los vilalbeses una parte de todo lo que recibimos de ellos”, apuntou Isabel Álvarez, directora do complexo industrial de Entrepinares en Vilalba.
Así mesmo, Roberto Cabezas, director de Persoas e Comunicación de Grupo Entrepinares asegurou que “la responsabilidad social forma parte de la manera de entender nuestro proyecto empresarial. Creemos que nuestro crecimiento debe ir acompañado de un compromiso real con las personas y con los territorios en los que está presente. Por eso seguimos apostando por iniciativas que generan valor para las familias, fomentan la convivencia y contribuyen a mejorar la calidad de vida en Vilalba.”
Desde o Concello de Vilalba destacan que este acordo consolida un modelo de colaboración co tecido empresarial que permite reforzar a programación municipal e seguir promovendo iniciativas gratuítas dirixidas á infancia e ás familias.