O CONCELLO FACILITARÁ ASESORAMENTO XURÍDICO EN MATERIA DE ESTRANXEIRÍA A TRAVÉS DE MOVEMENTO POLA PAZ

– Unha avogada da asociación desprazarase a Vilalba o segundo martes de cada mes para atender as persoas derivadas desdeos servizos sociais municipais

O Concello de Vilalba asina un convenio de colaboración con Movemento pola Paz, asociación sen ánimo de lucro, para facilitar ás persoas que o precisen o acceso a asesoramento xurídico especializado en materia de estranxeiría.

A través deste acordo, unha avogada da asociación desprazarase a Vilalba o segundo martes de cada mes para prestar atención ás persoas que sexan derivadas polo persoal de Servizos Sociais do Concello.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, sinala que “desde o Concello queremos facilitar que as persoas que necesitan asesoramento en materia de estranxeiría poidan acceder a unha atención especializada sen ter que desprazarse fóra de Vilalba. Esta colaboración con Movemento pola Paz permítenos achegar ese recurso ao municipio e poñelo á disposición das persoas que o precisen.”

A atención realizarase mediante derivación desde Servizos Sociais, que serán os encargados de orientar cara a este servizo as persoas usuarias que poidan precisar asesoramento xurídico nesta materia.

Neste sentido, a alcaldesa destaca tamén o papel dos Servizos Sociais como porta de entrada a este tipo de recursos, “é importante que os recursos estean conectados e que as persoas poidan atopar acompañamento desde os propios Servizos Sociais. Contar con asesoramento xurídico especializado permitirá dar unha resposta máis completa ás situacións que se presenten.”

CHARLA INFORMATIVA SOBRE A REGULARIZACIÓN EXTRAORDINARIA

Como primeira actividade vinculada a esta colaboración, o próximo martes 13 de outubro, ás 10:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, terá lugar unha charla informativa sobre a regularización extraordinaria, baixo o título “Que sucede despois da concesión?”.

A sesión será impartida pola avogada de Movemento pola Paz e estará centrada en ofrecer información sobre os pasos posteriores á concesión da regularización extraordinaria.

“Consideramos especialmente interesante comezar esta colaboración cunha charla sobre a regularización extraordinaria, porque unha vez concedida poden xurdir moitas dúbidas sobre os seguintes pasos. Ter información clara e poder resolver esas cuestións desde unha perspectiva xurídica é moi importante”, explica Marta Rouco.

A sesión terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba e permitirá achegar información sobre o que sucede despois da concesión da regularización e sobre as cuestións que poden xurdir a partir dese momento.

A alcaldesa salienta que o novo servizo pretende ser, en definitiva, un recurso próximo e accesible, “o obxectivo é achegar recursos ás persoas e facilitar o acceso á información. Que unha avogada poida atender periodicamente en Vilalba permite contar cunha orientación especializada aquí mesmo e reforza o traballo que se realiza desde Servizos Sociais.”