O CONCELLO FAI UN BALANCE POSITIVO DA DÉCIMO OITAVA EDICIÓN DO FIV

O evento congregou a máis de 6.000 persoas que participaron nas actividades celebradas ao longo do venres e o sábado, creando un gran ambiente no casco urbano da vila

A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Cultura, Mónica González, participaron hoxe na rolda de valoración da décimo oitava edición do FIV celebrada esta pasada fin de semana na capital chairega.

O balance xeral do Concello é “positivo”, apoiándose para elo nos datos facilitados pola produtora do evento, IRadia Crea, a cal cuantificou en máis de 6.000 persoas o nivel de asistencia das actividades celebradas ao longo do pasado venres 25 e o sábado 26 de abril.

Unha asistencia que se concentrou maioritariamente na xornada do sábado, na que o ambiente do FIV comezou a notarse dende primeira hora da mañá na Praza da Constitución, onde se celebraron as actividades con acceso libre do festival e os establecementos da contorna se encheron de ambiente.

“A xente cada vez se implica máis e concertos tan esperados como o da banda de música de Vilalba, que cada ano nos sorprende máis, foron un cheo absoluto” afirmou a concelleira de Cultura, Mónica González, quen valorou positivamente “a aposta polo espazo da Praza da Constitución para as actividades de acceso gratuíto, que funcionaron moi ben e fixeron que o centro da vila estivera moi animado durante a xornada do sábado”.

Nesa liña, a alcaldesa, Marta Rouco, salientou ” o beneficio económico que supón a celebración do FIV para o noso comercio local e hostalería, que durante a fin de semana incrementou notablemente a afluencia de clientes debido á chegada de visitantes e á confianza dos veciños e veciñas no noso festival; o FIV fixo vibrar Vilalba e a todo o tecido comercial do municipio, manténdose vivo e implicado co festival”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Mónica González, fixo fincapé na importancia de “manter a calidade e a consolidación dun festival como o FIV que nesta edición cumpriu 18 anos, con todo o que iso implica”. “Seguiremos traballando, como xa estamos facendo coa vindeira edición, por manternos como referentes e seguir o noso camiño diferencial nun momento no que hai moitos festivais na contorna e outros novos que emerxen continuamente”.

A rexedora, Marta Rouco tamén subliñou “a importancia de seguir potenciando Vilalba como un municipio cunha constante proposta social e cultural que atrae a milleiros de persoas ata a nosa vila”.

Finalmente, Rouco puxo en valor “o civismo e o comportamento exemplar dos asistentes ao FIV”. “As forzas de seguridade non recibiron ningún tipo de aviso durante os dous días, o que confirma o bo ambiente que se crea no FIV e a experiencia única da que falabamos xa antes da súa celebración”, concluíu a alcaldesa.