O CONCELLO INCORPORA UN NOVO VEHÍCULO HÍBRIDO E COMPLETAMENTE EQUIPADO AO SERVIZO DA POLICÍA LOCAL

O novo coche patrulla reforza a seguridade cidadá e aposta pola modernización e a sustentabilidade no servizo policial.

O Concello de Vilalba vén de incorporar ao servizo da Policía Local un novo vehículo patrulleiro híbrido, dotado co distintivo ambiental ECO e completamente equipado para o desenvolvemento das funcións policiais.

A alcaldesa, Marta Rouco, acompañada do concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, e de dous axentes da Policía Local, participou na recepción oficial do vehículo e coñeceu de primeira man todos os detalles técnicos e de funcionamento.

O novo coche, un Ford Kuga MCA ST-Line 2.5 DURATEC FHEV, conta cun sistema de propulsión híbrido con motor eléctrico e batería de ion-litio, así como cun completo paquete de seguridade.

Ademais, o vehículo incorpora pontes de sinalización, sirena dixital e iluminación LED perimetral para garantir unha mellor visibilidade nas intervencións. 

Está tamén dotado dun desfibrilador semiautomático con capacidade para uso pediátrico, un botiquín completo, extintor e un kit medioambiental para análises de auga in situ, reforzando así o seu carácter polivalente e de resposta inmediata ante emerxencias.

“Este novo vehículo supón un avance importante en materia de seguridade e modernización da Policía Local, ao tempo que seguimos apostando pola eficiencia enerxética e o respecto polo medio ambiente, incorporando un modelo híbrido con distintivo ECO”, destacou a alcaldesa, Marta Rouco.

“Queremos que os axentes conten con mellores medios para desenvolver o seu traballo e ofrecer á cidadanía un servizo máis eficaz e sostible”, engadiu.

Con esta nova incorporación, o goberno local continúa mellorando os medios materiais e técnicos ao servizo dos veciños e veciñas, avanzando cara a unha Vilalba máis moderna, eficiente e segura.